A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue recolle máis de 7.000 doazóns de sangue anuais en empresas e organismos públicos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue recolle máis de 7.000 doazóns de sangue anuais en empresas e organismos públicos

Imprimir Email
(0 votos)

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) realiza cada ano, ademais das súas visitas a diferentes localidades galegas, campañas de doazón de sangue en empresas e organismos públicos de Galicia. Sen datos deste ano que vai rematar, aínda que se agarda sexan cifras similares, o pasado 2015, ADOS chegou a 124 entidades recollendo un total de 7.781 doazóns de sangue. Esta cifra supuxo un 7% do total de doazóns rexistradas en Galicia. Ademais, das preto de 7.800 doazóns, un total de 445 foron de persoas que doaban sangue por vez primeira.

Colaboración imprescindible

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere salientar a importancia da colaboración e o esforzo que realizan as empresas galegas para promover as campañas de doazón de sangue, xa que a totalidade da iniciativa se realiza en xornada laboral, polo que resulta imprescindible a colaboración dos servizos médicos, dos departamento de persoal e dos comités de empresa e de seguridade e hixiene laboral.

Nos días previos á presenza das unidades móbiles, realízase unha intensa labor informativa entre os traballadores e traballadoras e establécese unha estimación do volume de participantes, procurando un artellamento áxil e dinámico da campaña de doazón, intentando favorecer o desenvolvemento da rutina habitual de traballo na empresa. Ademais, as campañas de doazón de sangue poden realizarse tanto dentro das propias unidades móbiles, coma, cando sexa preciso e posible, dentro da propia empresa.

Nas xornadas previas ao desenvolvemento das campañas da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, existe a posibilidade de impartirse charlas nas empresas para concienciar e informar aos traballadores e traballadoras sobre a importancia da doazón de sangue, así como para resolver calquera dúbida que poida existir.

Sincero agradecemento

Desde RSE Xunta de Galicia cremos que este, ademais de solidario, é un xesto de responsabilidade social empresarial que supón dalgún xeito o compromiso do conxunto da empresa coa sociedade galega. 

ADOS quere amosar o seu máis sincero agradecemento a todas as empresas e organismos públicos galegos que, desde hai anos, participan activamente no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, xa que grazas ao seu compromiso e esforzo, están contribuíndo, de xeito inestimable, á creación dunha conciencia social proclive á doazón de sangue en Galicia.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que está a disposición de calquera colectivo, empresa ou institución que desexe promover a doazón de sangue no seu ámbito ou organizar campañas de doazón de sangue. Para recibir máis información ou consultar dúbidas tan só é preciso contactar coa unidade de Promoción da Doazón de Sangue de ADOS no teléfono gratuíto: 900 100 828 ou contactar con ADOS  no enderezo de correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.