Imprimir esta página
Abel Castro, Maderas Hermanos Castro, “A evolución e creación de valor debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna”

Abel Castro, Maderas Hermanos Castro, “A evolución e creación de valor debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna”

09 Xaneiro 2025 |

(0 votos)

Maderas Hermanos Castro S.L., situada no Concello de Ponteareas, consolidouse como un piar do sector madeireiro galego desde a súa fundación nos anos 50. Baixo a xestión da familia Castro desde os anos 80, a empresa evolucionou combinando tradición, innovación e sustentabilidade. A súa actividade céntrase en transformar madeira de proximidade en produtos de alto valor engadido, como madeira técnica para construción, tarimas e revestimentos.

Abel Castro, enxeñeiro forestal e representante da segunda xeración, destaca a participación no programa Responsabilízate da Xunta de Galicia como un paso natural cara a un modelo empresarial que vincula a creación de valor cun impacto positivo na contorna. Este enfoque reflíctese en iniciativas de modernización tecnolóxica, certificacións ambientais e proxectos de restauración ecosistémica, posicionando a Maderas Hermanos Castro como referente en sostibilidade e innovación.

1.- Despois de máis de 40 anos en activo, que actividade leva a cabo no serradoiro?

Desde os seus inicios o serradoiro está dedicado á produción de madeira aserrada e seca.

De forma natural na evolución desta industria, a partir do ano 95 realizouse o primeiro investimento na liña de madeira cepillada para a produción de produtos con maior valor engadido, como tarimas e revestimentos de madeira.

No ano 2017, coincidindo coa incorporación á xestión da 2ª xeración familiar, iniciouse o proceso de modernización, e novos investimentos para desenvolvemento de produtos técnicos de madeira para a construción como madeira termotratada, madeira aserrada estrutural e madeira laminada encolada

2.- A que se destina a madeira que se transforma no serradoiro?

Toda a madeira que entra no serradoiro é de piñeiro de procedencia local, non máis de 20 km á redonda, e destínase á fabricación de produtos de madeira técnica, elaborados nas nosas instalacións e con alto valor engadido. Realízanse produtos de madeira laminada encolada para estruturas, madeira aserrada clasificada pola súa resistencia, revestimentos de madeira mellorada mediante termotratamento para fachadas exteriores, tarimas e frisos para interiores etc.

3.- Maderas Hermanos Castro participa no programa Responsabilízate da Xunta de Galicia, que lles motivou a formar parte del?

Dentro deste inicio da nova etapa de modernización uno dos puntos clave foi o desenvolvemento e implantación dun control de produción en fábrica e obtención dos marcados e certificados dos produtos. Isto permitiu montar unha estrutura de control para seguir mellorando e dar o seguinte paso cara a aplicación dos criterios ASG no noso negocio. Isto axúdanos a mellorar e consolidar o noso compromiso coa sostibilidade e iniciar a integración dos aspectos sociais e de gobernanza.

4.- Que lles achega participar no programa?

No marco actual, temos claro que a evolución e creación de valor na empresa debe ir ligado a un impacto positivo na nosa contorna. Todo iso en consonancia co obxectivo de ser referentes para o tecido empresarial da comarca. Con esa idea, e coa axuda do programa, estamos a traballar e dando os nosos primeiros pasos.

5.- Da empresa, que actuacións destaca a nivel ambiental?

A política de Maderas Hermanos Castro sempre incorporou estes aspectos coa transformación exclusiva de madeira de proximidade, a protección da contorna que o rodea ou a redución de emisións cando incorporou a caldeira de biomasa e paneis solares.

Seguindo a tendencia actual decidiuse mellorar e certificar esta política. Está a traballarse no desenvolvemento e implantación dos estándares ISO 14064 e GHG Protocol para a certificación da pegada de carbono corporativa, e posteriormente comezarase co cálculo das declaracións ambientais de produto para os produtos de madeira estrutural, como parte da oferta técnica para arquitectura.

Como primeira actuación en responsabilidade ambiental, chegouse a acordo coa Comunidade de Montes de Guláns, veciña do Concello de Ponteareas, para o apoio económico dos traballos de restauración ecosistémica de 5 hectáreas de superficie queimada, e en colaboración coa asociación técnica BIOeCO2.

6.- Contan con algún plan de benestar laboral como medidas de conciliación familiar, plan de igualdade?

Como pequena empresa familiar mantemos moita proximidade cos nosos traballadores. Sentímonos responsables de que poidan conciliar a súa vida profesional e persoal da mellor maneira, e de que poidan desenvolverse dentro da empresa. Implantamos a xornada continua e promovemos a formación e rotación dos postos de traballo. Estas medidas déronnos moi bos resultados e contribuíron ao nivel de implicación das persoas no equipo.

7.- De que maneira MH Castro pode contribuír a una economía máis sostible?

Transformamos unha materia prima sostible como é a madeira, cunhas importantes vantaxes fronte a outros materiais para a loita contra o cambio climático e a economía circular, e cremos que o noso sector terá un papel prioritario no desenvolvemento industrial contra a descarbonización. Queda moito traballo por facer para que podamos valorar obxectivamente a nosa contribución á sostibilidade, pero é necesario comezar a afianzar este concepto como parte da nosa responsabilidade e competitividade.