Imprimir esta página
Celebrados os webinarios de Responsabilízate para os sectores da alimentación, a construción e o turismo

Celebrados os webinarios de Responsabilízate para os sectores da alimentación, a construción e o turismo

29 Marzo 2023 |

(0 votos)

O programa Responsabilízate da Xunta de Galicia organizou ao longo deste mes de marzo un ciclo de webinarios sectoriais para seguir axudando ás pequenas e medianas empresas galegas no cumprimento dos seus deberes ASG (Ambientais, Sociais e de Goberno Corporativo) e no desenvolvemento do seu RSE (Responsabilidade Social Empresarial). En todos os casos participaron organizacións e empresas de cada ámbito de actividade e que son referentes na implantación da RSE no seu sector, ademais da directora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Elena Mancha, e o xerente en Valora Consultores e coordinador do programa Responsabilízache, Daniel Domínguez.

O primeiro webinario, centrado no sector mar-industria alimentaria, contou coa intervención de Roberto C. Alonso Baptista de Sousa, secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA, organización empresarial independente de ámbito nacional, dedicada á  representación e defensa dos intereses de empresas pertencentes ao complexo mar-industria. Tamén estivo presente Ángeles Claro, directora de sustentabilidade da conserveira galega Jealsa, compartindo as boas prácticas que a empresa vén canalizando a través do seu innovador proxecto We_Sea.

A construción foi a protagonista do seguinte encontro, no que participaron Diego Vázquez Reino, presidente da Federación Galega da Construción; José Luis Molina Botas, director xeral de Abeconsa, e Antonio Fernández Gómez, adxunto á dirección xeral e responsable da área RSE de Construcións Ramírez. Os relatores fixeron un percorrido polas dimensións ASG (Ambiental, Social e Bo Goberno) da sustentabilidade empresarial aplicada ao sector, facendo fincapé nos desafíos técnicos que presentan cuestións como a incorporación de principios de economía circular nas obras, a utilización de enerxías limpas, a minimización do impacto na contorna, etc.

O terceiro foro centrouse na industria turística, no que se resaltou o papel fundamental que cumpren as empresas relacionadas co turismo no impulso do desenvolvemento sostible de todos os axentes da súa contorna. Este evento en liña contou coa intervención de Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, e con Jacinto Picallo Fernández, director do Grupo Turismo dos Faros. Ambos os relatores resaltaron a importancia estratéxica de incorporar criterios ASG (Ambientais, Sociais e de Bo Goberno) á xestión das empresas turísticas galegas, non só pola crecente presión regulamentaria e polo incremento na demanda da responsabilidade ambiental por parte dos clientes, senón tamén pola dependencia desta actividade de benestar da contorna e da conservación da beleza única da paisaxe galega. 

No caso deste terceiro webinario, en representación de Valora Consultores -oficina técnica do programa Responsabilízate- participou Alicia Fernández, socia directora.