Imprimir esta página
O Hotel Bosquemar e a enxeñería GOC, dúas empresas referentes en boas prácticas sustentables

O Hotel Bosquemar e a enxeñería GOC, dúas empresas referentes en boas prácticas sustentables

14 Marzo 2023 |

(1 Votar)

O programa Responsabilízate é unha iniciativa pioneira da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para impulsar a implantación da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) en pemes e microempresas galegas. Posto que o programa está deseñado para asistir tanto ás empresas noveis como ás máis veteranas en sustentabilidade, moitas das organizacións que solicitan ser beneficiarias do programa xa son referentes no seu sector en difusión de valores Ambiental, Social e de Bo Goberno (ASG). 

Tal é o caso de Hotel Bosquemar, un acolledor lugar de retiro con 55 anos de percorrido e un compromiso histórico coa sustentabilidade. Naceu da man de Servando e Sebastiana que, ao regresar a Galicia tras varios anos adquirindo experiencia en Francia e Suíza, decidiron montar un pequeno hostal no seu Reboredo natal (O Grove). O proxecto foi crecendo e posicionándose en xestión sustentable desde os seus comezos. De feito, o Hotel Bosquemar ostenta a Q de Calidade desde o ano 2000, sendo o hotel máis antigo en Galicia en obtelo.

“No noso hotel tomámonos moi en serio a sustentabilidade”, contan os fundadores na súa páxina web. “Ser un hotel que axude a preservar a nosa magnífica contorna e a minimizar o impacto do turismo nesta zona é para nós unha prioridade e unha responsabilidade”. Hotel Bosquemar puxo en marcha unha ampla variedade de iniciativas ambientais, entre elas: instalación de placas solares no ano 2000, que evitaron a emisión de ao redor de dous millóns e medio de quilos de CO2 á atmosfera; instalación hai dous anos dunha planta fotovoltaica para autoconsumo; contratación de electricidade de orixe 100% renovable para cubrir as necesidades enerxéticas durante as horas nocturnas; instalación de 2 cargadores para coches eléctricos, e o cultivo dun horto ecolóxico propio cuxo produto se destina á cociña do restaurante do hotel.

Outra das organizacións que forma parte de Responsabilízate é GOC, fundada en Vigo en 1986 e con máis de 35 anos de experiencia. Caracterízase por ser unha empresa versátil, capaz de ofrecer unha gran variedade de servizos de maneira integral en todos os ámbitos da enxeñería.

En materia de implantación da RSE, GOC tamén leva a dianteira no seu sector. “Somos pioneiros na certificación do sistema de xestión da calidade, certificación que acreditan a GOC ininterrompidamente desde 1995”, explica a empresa na sección da súa páxina web dedicada a divulgar as súas iniciativas sostibles. “GOC busca diferenciarse dos seus competidores a través da calidade, a atención ao cliente e a adopción duns valores sociais como son a protección ao medio ambiente e a prevención de riscos laborais, valores que transmite a todos os niveis da organización”, relatan. “Contamos cun Sistema de Xestión da Calidade (UNE-EN-ISO 9001), Ambiental (UNE-EN-ISO14001) e Seguridade e Saúde Laboral (UNE-EN-ISO 45001)”.

Ademais, GOC forma parte do Pacto Mundial de Nacións Unidas desde 2021, concretando desta maneira o seu compromiso de aliñar as súas operacións cos Dez Principios universalmente aceptados nas áreas de dereitos humanos, normas laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción, e adoptando medidas en apoio dos obxectivos das Nacións Unidas que actualmente están plasmados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Se queres que a túa empresa tamén forme parte de Responsabilízate, consulta máis información na seguinte ligazón:

https://rse.xunta.gal/index.php/es/recursos/programas/responsabilizate

Inscrición a través da sede electrónica: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=TR320B