A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor a aposta do Goberno galego pola economía social como fórmula que “axuda a fixar poboación” e abre novas oportunidades para o emprego, no acto inaugural da exposición Economía Social: no corazón da nosa historia no Parlamento de Galicia.
A mostra repasa a traxectoria en Galicia deste modelo que, como reflectiu a conselleira, bebe da tradición para construír novos horizontes comunitarios e populares, con máis e mellores oportunidades. O Goberno galego cre en que investir en economía social é sumar colaboradores, xerar rede e tecido asociativo, e multiplicar beneficios que redundan no noso territorio e na xente.
En 2023, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reforzará a súa aposta por este modelo mobilizando máis de 42 millóns de euros: 10 de cada 100 euros do orzamento deste departamento recaerá no sector. O obxectivo, tal e como adiantou Lorenzana, consiste en desenvolver actividades económicas e empresariais que permitan a consolidación dunha sociedade e dunha economía diferentes, na que se poidan xerar e compartir ideas, iniciativas e proxectos que poñan por diante ás persoas.
“As entidades de economía social tendes o valor de que non deslocalizades o emprego, isto aporta moitísimo en canto a fixar poboación, en canto ao reto demográfico que temos por diante, especialmente nunha comunidade autónoma moi vinculada ao rural e ao mar”, destacou a conselleira.
A economía social está integrada polas cooperativas, as empresas de inserción, as sociedades laborais, os centros especiais de emprego e unha amalgama de fórmulas baseadas en valores que, segundo afirmou Lorenzana, representan á comunidade galega.
A conselleira definiu a mostra inaugurada como unha viaxe pola historia da economía social, que ten como piares fundamentais os valores e as persoas. O acto puxo o broche a un ano no que Santiago de Compostela foi a capital española da economía social para ensinarlle ao mundo por que as galegas e os galegos encarnan á perfección eses valores que promove a economía social e que pasan por poñer no centro á persoa, pola cohesión social, a proximidade e o sentimento de comunidade.