A directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, Elena Mancha, destacou o “firme compromiso coa igualdade laboral” de Toldos Gómez durante a visita ás súas instalacións, en Arzúa. A empresa, unha das beneficiarias do programa Responsabilízate 2022-2024, ten implantadas medidas contra a discriminación por razón de xénero e para favorecer a corresponsabilidade entre as persoas traballadoras.
Mancha subliñou ademais que a firma arzuá, con 113 anos de traxectoria, manteña un “firme compromiso local” tanto no referente ao emprego -co 78,4% do persoal integrado por persoas da comarca- como no desenvolvemento da súa actividade, xa que máis da metade dos provedores atópanse en Galicia, e máis do 43% na provincia da Coruña. Ademais, a directora xeral puxo en valor as medidas de acción social promovidas pola empresa na súa contorna mediante o impulso de hábitos saudables nunha carreira anual que patrocina ou as achegas que realiza a entidades deportivas.
A Administración galega colabora con esta empresa, que desde o ano 2019 recibiu máis de 8.000 euros no ámbito da RSE, no desenvolvemento de plans de igualdade e do teletraballo, entre outros.
Neste sentido, a firma arzuá conta cun Plan de Igualdade vixente ata o próximo 2023 e cunha comisión paritaria encargada do seu seguimento integrada por representantes da empresa e das persoas traballadoras. Entre outros obxectivos, Mancha remarcou o compromiso da entidade por eliminar calquera discriminación relacionada cos tipos de contrato, xornada ou categoría laboral. Tamén a aplicación deste mesmo principio aos procesos de incorporación de persoal, formación, avaliación do rendemento e promoción interno.
“O desenvolvemento da corresponsabilidade da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras sen que afecte ás posibilidades de traballo, ás condicións laborais ou ao acceso a postos de especial responsabilidade de mulleres e homes resulta fundamental cara a avanzar nun mercado laboral responsable a futuro”, especificou.
Programa Responsabilízate
Toldos Gómez é beneficiaria do programa Responsabilízate, no que este ano participan máis de 100 empresas. “As pemes interesadas en participar aínda están a tempo de facelo, pois o prazo de inscrición continúa aberto na sede electrónica da Xunta ata completar as 180 prazas previstas”, especificou Mancha.
Responsabilízate diríxese ás pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual co obxectivo de impulsar a súa competitividade nun contexto de transformación no que as prácticas como a xestión responsable das persoas, a adaptación a unha economía baixa en carbono, ou o desenvolvemento de condutas éticas na cadea de subministración, son claves para o posicionamento das empresas.