Imprimir esta página
Innovación para o emprendemento e a economía social

Innovación para o emprendemento e a economía social

20 Xullo 2022 |

(0 votos)

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou durante a clausura do concurso de ideas Crea Economía Social a importancia de apoiar iniciativas que impulsen o emprendemento innovador, como é o caso deste certame posto en marcha pola Universidade de Vigo, AJE Pontevedra e a Xunta de Galicia, a través da Rede Eusumo, para impulsar novos proxectos empresariais e apostar por unha economía baseada no benestar da poboación e a sustentabilidade do territorio.

Lorenzana lembrou a rede autonómica de emprendemento coa que a Xunta pon a disposición dos emprendedores diferentes recursos e axudas para que as persoas que decidan emprender, tamén a través de fórmulas de economía social, teñan a oportunidade de levar a cabo os seus proxectos “con todas as garantías”, subliñou.

Sobre a economía social, a conselleira destacou as súas vantaxes por ser “unha fórmula solidaria, comprometida co emprego estable, inclusivo e de calidade que antepón os beneficios sociais e colectivos e que ten sempre presente a igualdade”, apuntou. Así, indicou que a Xunta apoia este modelo de negocio ao que destina este ano 35 millóns de euros para desenvolver diferentes accións como os bonos Es-Transforma e Consolida, unhas axudas que se poden solicitar ata o próximo 30 de setembro para favorecer a mellora da competitividade dos proxectos de economía social.

Selo de identidade

Tal e como afirmou a titular de Promoción do Emprego e Igualdade, Galicia é “un entorno próspero no que ten cabida unha economía social máis extensa e enriquecedora”. Por este motivo, e co obxecto de definir un selo de identidade na economía social galega, a Xunta conta co programa Es-Próxima e coa Rede Eusumo, coa que se acompaña ás entidades que apostan pola economía social. Así mesmo, está a traballar no programa de aceleradoras de emprendemento Es-Factory, co que se pretende orientar e acompañar a persoas promotoras de proxectos empresariais da economía social.

Os premiados de Crea Economía Social 2022

Na edición 2022 do concurso de ideas Crea Economía Social resultaron galardoados os proxectos Reutilización creativa (upcycling), co premio á mellor idea de negocio en artes, comunicación e creatividade; Investigación e apoio con animais de compañía a nenos e nenas en educación infantil con necesidades especiais gañou o premio á mellor idea de negocio en educación, innovación social e xestión pública; e GymGaming foi o proxecto premiado na categoría de deporte, saúde e benestar. Pola súa banda, Bee & Cow acadou o accésit nesta modalidade.

Así mesmo, resultaron premiados os proxectos Pontevedra Mobility Hub na categoría mellor idea de negocio en medio ambiente e natureza e H2GZ Pontealbar Trazo cun accésit na mesma modalidade.