Imprimir esta página
Responsabilidade social empresarial tamén coa Terra

Responsabilidade social empresarial tamén coa Terra

11 Abril 2022 |

(0 votos)

A sustentabilidade do planeta e da sociedade van da man. Segundo diversas publicacións científicas, a biodiversidade dificulta a propagación de axentes patóxenos grazas á axuda que brindan os ecosistemas considerados sans a que as persoas poidan protexerse das enfermidades. A pesar diso, cada ano o mundo perde dez millóns de hectáreas de bosques e preto dun millón de especies animais e plantas atópanse en perigo de extinción.

Son datos da Organización das Nacións Unidas, que cada 22 de abril celebra o Día Internacional da Nai Terra ao redor da necesidade de actuar contra a destrución do planeta, concienciando a sociedade, empresas e administracións públicas para que actúen de forma responsable para combater o cambio climático, a deforestación ou mesmo o crecente comercio ilegal de vida silvestre.

O coidado da contorna e a posta en marcha de iniciativas que devolvan ao medio ambiente todo aquelo que perde como consecuencia da actividade propia das empresas debe formar parte da estratexia en materia de responsabilidade social corporativa de toda entidade. É por iso que xornadas ou efemérides coma o Día da Terra non pasan desapercibidas nos plans de acción das compañías, ben a través de programas de voluntariado corporativo enfocados á sustentabilidade ambiental ou, mesmo, de actuacións específicas dirixidas ao fomento dunha economía máis sostible que, tal e como subliña a ONU, “funcione tanto para as persoas como para o planeta”.

Guías para contribuír á conservación da paisaxe de Galicia

No marco da Colección Paisaxe Galega da Xunta de Galicia e a través do Instituto de  Estudos  do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, o Goberno autonómico traballa desde 2012 na elaboración dunha serie de guías monográficas dirixidas a mellorar a xestión e a conservación de todas as formas de paisaxe.

Estas guías, accesibles desde a páxina web do IET, son unha ferramenta pública para contribuír á conservación e ao mantemento das paisaxes onde se aplican, o cal, apuntan desde da propia Consellería, permite “homoxeneizar criterios e boas prácticas na planificación e o deseño de futuras intervencións sobre o territorio”.