Máis de 300 persoas participaron no primeiro taller de formación en igualdade de 2022

Máis de 300 persoas participaron no primeiro taller de formación en igualdade de 2022

Imprimir Email
(0 votos)

“Queremos concienciar a toda a sociedade galega sobre a importancia do valor da igualdade e a necesidade de que este valor se materialice nunha realidade o máis pronto posible”. Estas son palabras de Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais, que foi a encargada de inaugurar a primeira actividade levada a cabo na plataforma de teleformación en igualdade da Xunta de Galicia: un taller de catro horas no que se abordou a orixe sociocultural das diferenzas de xénero e a situación do emprego feminino en relación aos coidados. “Por moi ben que se faga a diagnose dos plans de igualdade, e as empresas vaian adoptando as medidas e as decisións necesarias para facer esta realidade un feito, non chegaremos á igualdade real e efectiva ata que todas e todos gravemos na nosa conciencia social e colectiva que homes e mulleres teñen os mesmos dereitos a exercer a súa profesión e baixo as mesmas condicións”, incidiu Mancha.

Esta actividade, que contou con máis de 300 persoas inscritas, deu comezo a un ano no que o goberno galego reafirma a súa aposta por dar a coñecer as novidades na normativa en igualdade laboral e impulsar o desenvolvemento e a elaboración dos plans de igualdade nas empresas. A sesión celebrada na tarde de onte, distribuíuse en catro horas nas que se trataron temáticas como a división sexual do traballo, o emprego feminino no sector dos coidados desde o punto de vista das estatísticas, as desigualdades no mercado de traballo, as causas da fenda salarial e o teito de cristal, a conciliación, a división sexual do mercado de traballo ou a fenda das pensións.

Aposta pola formación gratuíta

Durante a súa intervención, Mancha aproveitou para comunicar o lanzamento do segundo taller que terá lugar no campus virtual. Será o vindeiro 25 de xaneiro e versará sobre a igualdade de oportunidades e a prohibición de discriminación dende o punto de vista da normativa, os plans de igualdade e a negociación colectiva. O prazo de inscrición xa está aberto.

Tal e como sinalou a directora xeral, espérase que coa formación oferta pola Xunta neste 2022 se avance na igualdade real nas condicións de traballo nas empresas de todos os colectivos que están a sufrir discriminación. Neste ano, están previstas unha vintena de actividades no campus virtual, con máis de 5.000 prazas, dirixidos especificamente a persoas con capacidade de decisión para inserir o principio de igualdade no seo das organizacións, como os procesos de selección, a negociación colectiva, a avaliación da actividade preventiva ou a avaliación de postos de traballo e comunicación.