Imprimir esta página
Colaboración coas empresas para o fomento da RSE, unha das apostas da Xunta para o 2022

Colaboración coas empresas para o fomento da RSE, unha das apostas da Xunta para o 2022

16 Decembro 2021 |

(0 votos)

Fomentar a responsabilidade social empresarial e axudar ás empresas para que se comprometan cos retos sociais e ambientais como poden ser o cambio climático, a igualdade entre os sexos ou a inclusión social. Esta é a aposta da Xunta de Galicia dentro da súa colaboración coas empresas da comunidade, para conseguir unha economía competitiva, sustentable e responsable, tal e como indicou o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, na inauguración do II Encontro Empresarial Social sobre a Responsabilidade Social Empresarial.

Desde a administración galega levamos anos poñendo en marcha medidas que podan axudar ás compañías galegas no seu camiño cara a responsabilidade. Unha das máis destacadas é a creación, de forma pioneira, do Grupo de Representación Empresarial Galego en materia de RSE (GREG RSE), con empresas de referencia, que sentou as bases de cómo facer e implantar a RSE en Galicia. Así, Rueda explicou de que o que trata a RSE é mellorar a competitividade empresarial e, ao mesmo tempo, a sociedade, por tanto afirmou que “afrontar estes desafíos aproveitando as sinerxias entre empresas e asociacións é, seguro, unha fórmula de éxito”.

Perspectivas para 2022

De cara ao vindeiro ano, a Xunta de Galicia ten previsto realizar a Estratexia Galega de RSE 2022-2024, promovendo a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a responsabilidade social empresarial. Isto farase a través de axudas que facilitan ás empresas e persoas traballadoras autónomas a obtención de normas ou estándares, as cales se incrementaron este ano nun 30,6%, polo que o orzamento sumou máis de 2,6 millóns de euros.