Imprimir esta página
Igualdade para aumentar a competitividade, mellorar o clima laboral e reducir o absentismo

Igualdade para aumentar a competitividade, mellorar o clima laboral e reducir o absentismo

15 Outubro 2021 |

(0 votos)

Igualdade no traballo como elemento clave para aumentar a competitividade nas empresas, reter o talento e ademais mellorar o clima laboral así como reducir o absentismo. Este foi o eixo central da reunión da recentemente creada comisión pola igualdade laboral que integran a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e as compañías da provincia ourensá, que contou coa participación da Directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha.

Mancha expuxo os recursos dos que dispón a Xunta de Galicia para impulsar a conciliación e a corresponsabilidade, entre outros aspectos. Neste sentido, tamén fixo referencia ao teletraballo, como modalidade laboral que está a ter “unha importante influencia” na conciliación das persoas traballadoras de Galicia. Durante a sesión, tamén se falou de seguir combinando esforzos entre todos os axentes implicados na materia e as administracións para acadar unha igualdade laboral real e efectiva, un dos principais obxectivos da Consellería de Emprego e Igualdade.

O apoio do goberno galego á conciliación

Dentro do territorio español, Galicia é unha comunidade autónoma pioneira en apostar pola responsabilidade social para conseguir un tecido empresarial estable e de calidade, poñendo en marcha un plan específico no ano 2012.

Dende entón, a administración galega apoia ás empresas no camiño cara a igualdade, a sustentabilidade e a responsabilidade. En concreto, cómpre destacar que entre as pemes e as persoas traballadoras autónomas promove a igualdade, a conciliación e a RSE a través dunha partida anual de axudas, que no 2021 se incrementou nun 30,6%, contando así a última convocatoria cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros.

A través deste programa impúlsase tanto a conciliación da vida familiar, laboral e persoal con incentivos para o teletraballo como axudas para impulsar a flexibilidade horaria, apoios para implantar plans de igualdade ou a promoción do uso das tecnoloxías da información e a comunicación, entre outros aspectos.

Pioneiros en teleformación

Durante a súa intervención, a Directora Xeral referiuse á plataforma en liña que a Consellería de Emprego e Igualdade ten a disposición da sociedade galega con accións formativas para fomentar e sensibilizar en materia de igualdade laboral entre homes e mulleres. Neste mes de outubro terán lugar as dúas primeiras actividades, cuxo prazo para inscribirse rematou o pasado 13 de outubro. Non obstante, está previsto un completo programa sobre temas relacionados coa conciliación e a corresponsabilidade, o acoso laboral ou o teletraballo, entre outros aspectos.

O campus virtual está dispoñible na web de Igualdade Laboral e as vindeiras formacións serán anunciadas na nosa web.