Imprimir esta página
Igual remuneración por traballo de igual valor: Día Internacional da Igualdade Salarial

Igual remuneración por traballo de igual valor: Día Internacional da Igualdade Salarial

13 Setembro 2021 |

(0 votos)

Chegar a acadar a igualdade de remuneración sería un fito sen precedentes para os dereitos humanos e a igualdade de xénero. Para destacar a importancia e a necesidade da igual remuneración por traballo de igual valor, este 18 de setembro celébrase por segundo ano o Día Internacional da Igualdade Salarial, unha data que representa o compromiso da Organización das Nacións Unidas cos Dereitos Humanos e contra toda forma de discriminación, especialmente a que vai contra mulleres e nenas.

Desigualdade en datos

Segundo a Organización Internacional do Traballo, a nivel mundial unha muller gaña 77 centavos por cada dólar que gaña un home polo mesmo traballo, sendo este dato unha das razóns principais para un desequilibrio económico entre os sexos ao longo da vida. Ademais, esta institución tamén establece que de seguir o ritmo actual, non seremos capaces de pechar esta fenda e acadar unha equidade de remuneración en todo o mundo ata o ano 2086.

Non obstante, non debemos esquecer o punto de inflexión no mercado de traballo que supuxo a COVID-19, posto que agora mesmo nos enfrontamos a un contexto novo, no que todos os países da OCDE se están vendo impactados polas consecuencias da pandemia, de xeito que incluso algúns deles tardarán máis de catro anos en igualar as taxas de emprego do 2019 tanto en homes como en mulleres.

Pero tal e como se establece na quinta edición do Observatorio da OIT, a diminución do traballo neste contexto de crise é maior para as mulleres que para os homes en todos os países, salvo algunhas excepcións, como Francia ou México. Ademais, segundo datos ofrecidos neste documento, existe un aumento na carga de traballo non remunerado na atención sanitaria, o cal tamén afecta máis a mulleres que a homes. Como conclusión a isto podemos ver que a situación actual supón un risco para a igualdade salarial, co perigo latente non só de que non se chegue a unha paridade real, senón de que se produza un retroceso respecto dos avances logrados nos últimos tempos.

Igualdade salarial e Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable

Na actualidade, segundo establece a Organización das Nacións Unidas, en todas as rexións do mundo se lles paga menos ás mulleres que aos homes, o que resulta nunha fenda salarial do 23% a nivel mundial. Para asegurar que se avanza neste aspecto, a meta 8.5 do ODS 8, Traballo decente e crecemento económico, propón que “de aquí a 2030, lograr o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as mulleres e homes, incluíndo á xente nova e ás persoas con discapacidade, así como a igualdade de remuneración por traballo de igual valor”. É dicir, a Axenda 2030 amosa con esta meta que debemos tomar medidas para que ninguén quede atrás no traballo do futuro.