Imprimir esta página
A Xunta inviste 12,2 millóns de euros para impulsar e consolidar o emprego autónomo

A Xunta inviste 12,2 millóns de euros para impulsar e consolidar o emprego autónomo

06 Agosto 2021 |

(0 votos)

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha nova orde de axudas para impulsar e consolidar o emprego autónomo na nosa comunidade. A Xunta de Galicia destinará 12,2 millóns de euros a un programa con dúas liñas de financiamento, co que espera poder beneficiar a 3.000 persoas autónomas e 90 empresas e que poderán solicitarse ata o 30 de setembro.

Liñas de subvencións

A primeira das liñas, cunha prestación orzamentaria de 11,2 millóns de euros, establece incentivos de 2.000 euros para apoiar o inicio da actividade das persoas traballadoras autónomas. Esta contía poderá duplicarse ata os 4.000 euros no caso de persoas menores de 30 anos, parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

Os requisitos para optar a esta liña é estar dado de alta no RETA , noutro réxime especial por conta propia ou mutualidade profesional entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021. Tamén é preciso ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

As axudas máximas para esta liña poden acadar os 10.000 euros. Podes atopar información máis detallada e solicitala aquí.

Para axudar a aquelas persoas autónomas a contratar de xeito indefinido, a Xunta inclúe nesta convocatoria unha segunda liña na que os apoios van dende os 4.000 ata os 22.500 euros, en función das persoas contratadas. Ademais, ponse en marcha por segundo ano consecutivo o bono formación, sendo compatible co bono contratación. Podes solicitar esta liña aquí.

Outras axudas do goberno galego

Este orzamento súmase aos 587 millóns de euros que a administración galega puxo a disposición de empresas e persoas autónomas en tempo record para axudarlles a manter a súa actividade económica e facer fronte á crise derivada da pandemia da COVID-19.

Podes consultar o resto de subvencións en prazo na sección de axudas e incentivos da nosa web.