Imprimir esta página
Fomentamos o emprego en pequenas empresas de nova creación e de base tecnolóxica

Fomentamos o emprego en pequenas empresas de nova creación e de base tecnolóxica

27 Xullo 2021 |

(0 votos)

A Xunta de Galicia destina 2 millóns de euros para apoiar a consolidación de emprego nas pequenas empresas e o impulso ás iniciativas empresariais con base tecnolóxica. Este orzamento aspira a chegar a máis de 400 empresas mediante a convocatoria de axudas que vén de publicar o Diario Oficial de Galicia co obxectivo de favorecer un emprego estable na nosa comunidade. O prazo de solicitudes xa está aberto.

Programa I: Fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación

A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas, con especial atención aos concellos do rural galego.

Este programa ten unha aplicación orzamentaria de 1.500.000 euros e divídese nos seguintes tipos de axudas:

  • Subvención á xeración de emprego estable (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10)
  • Subvención para a formación (3.000 euros por empresa)
  • Subvención para o inicio da actividade (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10)
  • Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras apoio máximo de 3.000 euros para cubrir os custos das escolas infantís para fillos menores de tres anos)

Podes realizar a túa solicitude aquí ata o 20 de agosto.

Programa II: Incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica-IEBT

O segundo dos programas, dotado con medio millón de euros, está dirixido a incentivar ás empresas previamente cualificadas no correspondente rexistro como iniciativas de empresa de base tecnolóxica.

O obxectivo é aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación con coñecementos tecnolóxicos, coa finalidade de impulsar a transformación do coñecemento. Así, as empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:

  • Subvención á creación directa de emprego estable
  • Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación
  • Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade

O prazo estará aberto ata o 30 de setembro. Podes enviar a túa solicitude a través desta ligazón.