Imprimir esta página
Desconexión dixital: un compromiso máis necesario que nunca nas vacacións de verán

Desconexión dixital: un compromiso máis necesario que nunca nas vacacións de verán

15 Xullo 2021 |

(0 votos)

Se falamos dos meses de verán, os períodos vacacionais están máis presentes que nunca. Pero no mundo hiperconectado no que vivimos, son as vacacións un sinónimo de descanso dos traballadores?

Segundo un recente informe publicado por Infojobs, o 74% da poboación activa española responde correos electrónicos ou chamadas de traballo durante os seus días de vacacións. Isto supón un aumento de máis do 20% respecto dos datos de 2019 do mesmo informe, o que nos indica a influencia da pandemia da COVID-19 e a aceleración do teletraballo como unhas das causas desta imposibilidade de desconexión.

Dereito ao descanso

Segundo o artigo 88 da Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal e Garantía dos Dereitos Dixitais, as persoas traballadoras teñen dereito á desconexión dixital para garantir o respecto do seu tempo de descanso, permisos e vacacións. Isto significa que non é obrigatorio estar dispoñible nin localizable non só durante as vacacións, senón tampouco durante as horas fóra da xornada laboral, un concepto que parece difuminarse cada vez máis coa irrupción do traballo en remoto ou o modelo mixto adoptado por moitas empresas.

O citado estudo indica que o 60% das empresas do noso país non levan a cabo ningunha medida para fomentar a desconexión dixital do seu persoal, máis alá dalgún acordo puntal. O que se traduce nun 82% de persoas atendendo quefaceres laborais fóra do seu horario, sendo as mulleres as que máis acusan o feito de traballar na casa como principal dificultade para separar a vida laboral da persoal.

Cifras de Eurostat apoian este acelerón do traballo en remoto en España: do 4,3% das persoas traballadoras en 2018, incrementouse ata 10,9% no ano 2020. Aínda que estes datos seguen por debaixo da media europea, que debido á pandemia ascendeu ao 12,3%.

Descanso en vacacións, garantía de saúde laboral

Antes de seguir apostando por esta modalidade de traballo, e especialmente nos meses de verán, resulta imprescindible ter claro que o traballo en remoto non é sinónimo de dispoñibilidade total. O respecto ao descanso das persoas traballadoras é fundamental nunha das dimensións da responsabilidade social: a saúde laboral.

Xa non se trata só de que unha persoa que goza dun axeitado descanso sexa capaz de ser máis produtiva e render máis e mellor durante a súa xornada. A non desconexión afecta ao persoal a máis niveles. Nos últimos anos apareceron novas patoloxías, como o burnout ou síndrome do traballador queimado, recoñecido pola Organización Mundial da Saúde como enfermidade. O Instituto Nacional da Seguridade e a Saúde no Traballo (INSST) introduciu tamén dentro dos riscos psicosociais da hiperconexión o termo de tecnoestrés, un tipo de estrés derivado dunha mala adaptación e un emprego mal entendido das tecnoloxías da información e a comunicación.

Insomnio, aumento da tensión arterial, trastornos musculoesqueléticos ou alteración do sistema inmune son algunhas das consecuencias a longo prazo que o estrés derivado da non desconexión pode ter nas persoas traballadoras. En relación a isto, a OMS indica que todas as empresas deben contar cunha estratexia de saúde e benestar que abranga a prevención, a detección e o apoio á saúde mental do persoal.

Desde RSE Xunta de Galicia lembramos a importancia de que todas as empresas galegas respecten o descanso do persoal, tanto neste período de verán, como durante o resto do ano. Se na túa organización tedes algunha iniciativa innovadora para regular a desconexión dixital nas vacacións, ou calquera outra medida que contribúa á mellora do benestar mental dos traballadores e traballadoras, non dubides en compartila connosco no banco de ideas.