Imprimir esta página
Compatibilizar teletraballo e igualdade de oportunidades na túa empresa. Conceptos básicos

Compatibilizar teletraballo e igualdade de oportunidades na túa empresa. Conceptos básicos

10 Xuño 2021 |

(0 votos)

O novo marco no que nos atopamos fai que o teletraballo sexa unha figura cada vez máis presente nas nosas vidas. O mundo actual require de postos de traballo flexibles, no que as tarefas poidan realizarse, na medida do posible, de forma remota, sen requirir a presenza da persoa nas instalacións da empresa.

Esta modalidade de traballo trae consigo numerosas vantaxes, como por exemplo, o aumento da empregabilidade das persoas traballadoras ou un maior coidado do medio ambiente, debido á diminución do número de desprazamentos. Pero tamén esixe un compromiso por parte das empresas, en tanto que deben favorecer o benestar do seu persoal da mesma forma que durante o traballo presencial, así como evitar desigualdades, prestando atención ás posibles fendas de xénero, económicas ou dixitais.

Que quere dicir isto? Que nos enfrontamos ante o desafío de que o persoal que traballa a distancia teña garantidos os mesmos dereitos que o que realiza o seu traballo de forma presencial, de modo que elementos como a entrega e instalación de equipos e medios necesarios para o desenvolvemento do traballo, os custos asociados ao seu uso e mantemento, a organización do tempo de traballo ou o rexistro axeitado, entre outros, vólvense aspectos esenciais, segundo indica o Real Decreto-Lei 28/2020, do 22 de setembro.

A obriga de asegurar a igualdade tecnolóxica

Segundo a Guía de implantación efectiva do teletraballo para pemes e autónomos, elaborada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o equipamento e os medios técnicos necesarios para o teletraballo son: un teléfono de contacto, a onde desviar o teléfono de contacto da empresa; un equipo informático suficiente para o acceso a internet e unha conexión remota aos escritorios ou sistemas corporativos. Así mesmo, tamén aconsella contar cun mobiliario e periféricos axeitados, recomendación compartida no documento Teletraballa con prevención, onde o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) establece que é preciso “dispoñer das ferramentas precisas (teléfono, ordenador, conexión á Internet...) e de espazo físico abondo (idealmente unha estancia separada) para traballar sen interrupcións acústicas nin visuais”.

Coa fin de conseguir unhas mellores condicións laborais e contornas de traballo que permitan condicións igualitarias en termos de competitividade, a Liña II do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) inclúe dúas subliñas que favorecen o desenvolvemento desta modalidade de traballo.

En concreto, a subliña III, subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo, recolle como actividades subvencionables a compra de computadores persoais, medios materiais de acceso a internet e todos aqueles elementos periféricos necesarios, para que o uso das tecnoloxías da información sexa unha forma máis de favorecer a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, tal e como se indica no artigo 16 desta orde de subvencións.

Como acordar o traballo a distancia

A persoa que traballe en remoto deberá ter os mesmos dereitos que aquelas que desenvolvan a súa xornada de forma presencial, por iso, o teletraballo precisa da firma dun acordo regulado segundo o real decreto-lei citado anteriormente. Os principais obxectivos é superar os retos que esta situación pon ante as empresas e os traballadores, como fendas de seguridade, illamento laboral, falta de servizos básicos ou perda da identidade corporativa.

O artigo 7 establece que o contido mínimo obrigatorio do acordo do traballo a distancia deberá recoller os seguintes aspectos:

  • Inventario de medios, equipos e ferramentas que esixe o desenvolvemento do traballo a distancia.
  • Enumeración dos gastos que puidera ter a persoa traballo, así como a forma de cuantificación da compensación que obrigatoriamente debe aboar a empresa.
  • Horario de traballo e regras de dispoñibilidade.
  • No seu caso, porcentaxe de traballo presencial e a distancia.
  • Centro de traballo ao que queda adscrita a persoa que teletraballa e, de ser o caso, onde desenvolverá o traballo presencial.
  • Lugar de traballo a distancia elixido polo traballador ou traballadora.
  • Prazos de preaviso para a reversibilidade, de ser o caso.
  • Medios de control empresarial da actividade.
  • Procedemento a seguir no caso de dificultades técnicas que imposibiliten o desenvolvemento normal do traballo.
  • Instrucións en materia de protección de datos.
  • Instrucións sobre seguridade da información.
  • Duración do acordo

Aquelas pemes ou persoas traballadoras de Galicia que non pertenzan ao sector da economía da tecnoloxía da información e a comunicación están a tempo de solicitar a subliña I, incentivos para o fomento do teletraballo, sempre que formalicen un acordo de teletraballo non inferior a dous anos cunha persoa xa vinculada á empresa ou contraten ex novo a persoal na modalidade de traballo a distancia a xornada completa por un tempo de cómo mínimo dous anos.

Solicitude das axudas

Hoxe, xoves 10 de xuño, remata o prazo da convocatoria das axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE).

Presenta a túa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.