Imprimir esta página
Sabes como pode axudarche o teletraballo coa conciliación? Aprende máis con este webinar

Sabes como pode axudarche o teletraballo coa conciliación? Aprende máis con este webinar

19 Mai 2021 |

(0 votos)

Co obxectivo de amosar a normativa reguladora do traballo en remoto, as medidas preventivas mínimas esixibles e as axudas a empresas sobre acordos de teletraballo e adquisición de elementos tecnolóxicos, o vindeiro 27 de maio ás 16:30 horas terá lugar o webinar O traballo a distancia como elemento para a conciliación.

Nesta formación tratarase a regulación do teletraballo, que trouxo consigo unha maior flexibilidade na xestión dos tempos de traballo e os descansos, entre outras vantaxes. Estas consecuencias positivas poñen en valor a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, un dereito extensivo a todas as persoas traballadoras, que teñen fillos ou non, e que busca o fomento da igualdade entre mulleres e homes ao recoñecer o dereito á adaptación da xornada sen diferenciación de sexo, sen redución de horas ou de salario.

Axudas para a conciliación

A sesión será concluída por Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais, que contará todos os detalles sobre as subvencións para o fomento do teletraballo, que forman parte do programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE).

En concreto, a liña II desta partida está composta por tres subliñas, sendo unha delas os incentivos para o fomento do traballo a distancia. Poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen polo menos un acordo de teletraballo por un tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á compañía por contrato laboral e xornada completa, entre outros requisitos recollidos na Orde do 26 de abril do 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 10 de maio.

Participación no webinar

O prazo para inscribirse na actividade está aberto, previa inscrición mediante este formulario. As prazas son limitadas e iranse cubrindo por orde de inscrición.

Consulta o programa completo aquí.