Rexistro retributivo e plans de igualdade, os focos axenda formativa da Xunta de Galicia

Rexistro retributivo e plans de igualdade, os focos axenda formativa da Xunta de Galicia

Imprimir Email
(0 votos)

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou esta mañá un novo curso centrado no novo rexistro salarial obrigatorio para todas as empresas que conten con asalariados. Esta formación, dirixida a persoal de Inspección de Traballo en Galicia, é unha das ferramentas do goberno galego para avanzar cara unha igualdade real e efectiva.

Ata o 20 de abril, as persoas participantes recibirán seis horas de formación, divididas en dous módulos, onde se tratarán as novidades lexislativas e regulamentarias e a negociación dos plans de igualdade e a igualdade salarial e o principio de transparencia das mesmas.

Información salarial para a transparencia

A entrada en vigor deste rexistro salarial por sexos axudará, tal e como sinalou Mancha, a garantir a igualdade de oportunidades e a efectividade do principio de non discriminación na retribución por sexos.

A Xunta de Galicia está a vixiar o cumprimento da aplicación destes principios de transparencia retributiva e de igual salario polo mesmo traballo. En concreto, a Consellería de Emprego e Igualdade está enfocándose a formar e apoiar ás empresas para a adaptación das organizacións a esta nova normativa, para que sigan o seu camiño cara un mercado de traballo máis igualitario.

Futuras accións

Dentro da axenda formativa da administración galega, está previsto que no vindeiro mes de maio se imparta unha cualificación máis especializada e práctica sobre o rexistro retributivo, no que poderán participar empresas e consultoras en materia de igualdade. Ademais, convocaranse proximamente axudas para a elaboración de plans de igualdade de carácter voluntario en empresas de menos de 100 traballadores, que serán anunciadas na nosa web.