A Xunta promove a campaña "Teletraballa con prevención"

A Xunta promove a campaña "Teletraballa con prevención"

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta promove a campaña "Teletraballa con prevención" destinada á sensibilización dos bos hábitos nesta modalidade laboral. Unha iniciativa desenvolvida polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para previr os riscos laborais no teletraballo a través da distribución de material divulgativo, principalmente en formato dixital, para concienciar acerca da necesidade de adaptar os espazos de traballo no fogar e acadar bos hábitos que eviten o excesivo illamento e a ausencia de actividade física.

O Issga, na súa condición de órgano encargado da execución e coordinación das políticas de prevención de riscos laborais deseñadas en consenso cos interlocutores sociais, está a facilitar as recomendacións e as medidas preventivas para que o teletraballo se desenvolva nas mellores condicións. Para iso está a elaborar documentación técnica e a difundir material en formato dixital para chegar á poboación traballadora por conta propia e allea.

Contorna axeitada e relacións laborais

Entre outras cuestións, os materiais abordan a necesidade de crear unha contorna axeitada de traballo na casa, que estea illada para facilitar a concentración; con espazo e iluminación preferentemente natural; co espazo ordenado e as condicións de temperatura, humidade e ventilación axeitadas.

A ergonomía do posto de traballo debe trasladarse ao fogar. Neste sentido, desde o Issga pautan boas prácticas posturais para evitar males maiores:  pés apoiados, costas rectas e con soporte lumbar, pescozo sen flexionar e distancias axeitadas. Pode conseguirse todo isto con cadeiras regulables en altura ou dispoñendo os equipos informáticos á altura óptima. Para evitar a fatiga visual, os técnicos suxiren ademais que se eviten os reflexos no monitor e realizar pausas curtas e frecuentes.

Para evitar o sedentarismo, proponse realizar pausas activas, estiramentos na casa, cambios de postura e adoptar o hábito de facer máis tarefas de pé. E contra o illamento, o máis convinte é manter o contacto cos compañeiros por medios telefónicos ou telemáticos.

Para evitar o estrés no teletraballo, o personal técnico do Issga aconsella adoptar rutinas que favorezan o benestar mental. Boas prácticas como organizar o traballo e estar alerta ante longas xornadas laborais, a intensidade ou flexibilidade das tarefas e marcar os límites entre vida laboral e vida persoal axudarán a este obxectivo.

O material da campaña ponse a dispor das persoas interesadas desde hoxe na páxina web do Issga (issga.xunta.gal) onde se pode acceder tamén a un vídeo explicativo dos bos hábitos para o desempeño do teletraballo en condicións de prevención e sen riscos innecesarios para a saúde.