A Xunta deseña novas estratexias para a creación de emprego de calidade

A Xunta deseña novas estratexias para a creación de emprego de calidade

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento e mantemento da Responsabilidade Social Empresarial a pesar da situación de crise social e económica que se está a vivir pola Covid-19.

A elaboración de novas fórmulas foi o eixe do encontro por videoconferencia mantido hoxe pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos de CCOO e UXT. Nesta xuntanza avaliáronse os novos plans e estratexias que se abordarán nas diferentes mesas de traballo ao longo do 2021, no marco do diálogo social, co obxectivo de consensuar as medidas que se porán en marcha este ano para crear emprego de calidade e en igualdade de oportunidades. Lorenzana destacou que a Consellería traballa na renovación do Servizo Público de Emprego de Galicia, na posta en marcha de novos plans de conciliación e igualdade, nunha nova Estratexia de seguridade e saúde no traballo, no deseño de ferramentas virtuais dirixidas á formación e no desenvolvemento de novos programas de axudas para crear en Galicia emprego de calidade e en igualdade de oportunidades. Tamén se abordou a necesidade de consensuar a continuidade dos apoios económicos aos sectores máis afectados pola Covid-19 con medidas que acompañen ás normas sanitarias que se están a adoptar para facer fronte á pandemia e que teñen como único fin protexer a saúde dos galegos e galegas. Neste senso, a titular de Emprego e Igualdade lembrou que a Administración autonómica xa aboou o 80% das axudas do Plan de Rescate dirixido a persoas traballadoras autónomas, microempresas e os establecementos hostaleiros pechados polas medidas sanitarias que se veñen adoptando desde outubro. A través desta iniciativa, que o Goberno galego aprobou en consenso cos interlocutores sociais e económicos, e tramitou en tempo récord, pagáronse xa máis de 30.500 axudas por valor de case 61M€. Cerca de 15.000 se dirixiron ao sector da hostalaría, é dicir, a metade das peticións pagadas pola Xunta proceden de establecementos hostaleiros.