No segundo encontro sobre o papel da Responsabilidade Social Empresarial en tempos da covid-19, coordinada pola directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, lembrouse que a Xunta está a formar a pemes transfronteirizas nesta materia co convencemento de que resulta clave para acadar emprego de calidade
Mancha incidiu en que “a resiliencia e a competitividade das pequenas e medianas empresas do noso territorio poden encontrar na sustentabilidade e na Responsabilidade Social Corporativa grandes oportunidades”, que segundo engadiu, veñen alentadas pola UE que avoga por que “a recuperación se acompañe dunha transición dixital e sustentable”.
En termos de mercado, apuntou a directora xeral, estas oportunidades pasan pola creación de postos de traballo de calidade, o fortalecemento das vantaxes competitivas e a minoración dos riscos potenciais legais e de reputación que suporía non adaptar os modelos de negocio á nova realidade.
Nesta segunda xornada afondou ademais na relación entre RSE e comunicación baixo o contexto da crise actual, e fixo especial énfase nos grupos de interese que, a xuízo da directora xeral, son “fío condutor” entre ambos os dous eixos.
A Xunta promove con este tipo de iniciativas que as empresas afonden na transformación dos seus modelos de negocio para incorporar a conciliación e a igualdade laboral como valores, que permitan avanzar na obtención de emprego de calidade, no marco das liñas estratéxicas do Goberno galego.
A Consellería de Emprego e Igualdade desenvolve as webinars a través do proxecto Xeneración de emprego de calidade transfronteirizo (Gemcat) cofinanciado polo Programa de cooperación interrexional de España-Portugal (Poctep). As sesións estenderanse ata o próximo mes de febreiro co obxectivo de acompañar ás pemes transfronteirizas na transformación da xestión dos modelos de negocio.
O fomento da Responsabilidade Social Empresarial é unha das liñas estratéxicas nas que a Xunta de Galicia está a traballar co obxectivo de crear emprego de calidade. Galicia conta cun programa propio de axudas para implantar a RSE, a igualdade laboral ou a conciliación laboral nas pemes e apoia a obtención de certificacións na materia, así como as boas prácticas, por medio dos premios RSE-Galicia.
A Xunta conta cunha estratexia propia de RSE co obxectivo de mellorar a xestión da Responsabilidade Social ao longo dos dous próximos anos. Para iso estanse a impulsar novas actuacións como plans de titorización e formación, o programa RSE+I de mentorizaxe en igualdade de oportunidades ou a creación dun centro virtual de coñecemento cunha aposta clara pola teleformación.
O Goberno autonómico creará ademais oficinas de asesoramento en materia de RSE nas catro provincias galegas a través das cales se desenvolverán actividades de divulgación como charlas, obradoiros telemáticos, encontros con expertos, asesoramento personalizado e actuacións de dinamización con sectores e asociacións.