Imprimir esta página
A responsabilidade social empresarial é unha das claves para obter emprego de calidade

A responsabilidade social empresarial é unha das claves para obter emprego de calidade Destacado

21 Decembro 2020 |

(0 votos)

O ciclo de webinars sobre o papel da Responsabilidade Social Empresarial en tempos de covid-19 comezou o venres 18 coa intervención da directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, que anunciou que a Xunta creará oficinas de asesoramento en materia de RSE nas catro provincias e un programa de acompañamento en materia de igualdade de oportunidades no mundo empresarial.

No programa da administración autonómica sobre o papel estratéxico da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) en tempos da covid-19 dirixido a pequenas e medianas empresas transfronteirizas, a representante da Consellería de Emprego e Igualdade coordinou a primeiras sesión e alentou aos representantes empresariais a afondar na transformación dos seus modelos de negocio para incorporar a conciliación e a igualdade laboral como valores, que permitan avanzar na obtención de emprego de calidade, unha das liñas estratéxicas do Goberno galego.

A Consellería de Emprego e Igualdade desenvolve a iniciativa a través do proxecto Xeneración de  emprego de calidade transfronteirizo (Gemcat)  cofinanciado polo Programa de cooperación interrexional de España-Portugal (Poctep). As webinars que hoxe comezan estenderanse ata o próximo mes de febreiro co obxectivo de acompañar ás pemes transfronteirizas na transformación da xestión dos modelos de negocio para pór á fronte conceptos como a sustentabilidade e responsabilidade social.

Tal e como relatou Elena Mancha, “o fomento da Responsabilidade Social Empresarial é unha das liñas estratéxicas nas que a Xunta de Galicia está a traballar co obxectivo de crear emprego de calidade” máis aínda no actual contexto sanitario. Galicia conta cun programa propio de axudas para implantar a RSE, a igualdade  laboral ou a conciliación laboral nas pemes e apoia a obtención de certificacións na materia, así como as boas prácticas, por medio dos premios RSE-Galicia.

A Xunta  conta cunha estratexia propia de RSE “cuxo obxectivo é mellorar a xestión da Responsabilidade Social ao longo dos dous próximos anos”, lembrou a directora xeral. Para iso,  impulsaranse novas actuacións, tal e como anunciou, como programas de titorización e formación, o programa RSE+I de mentorizaxe en igualdade de oportunidades ou a creación dun centro virtual de coñecemento a través do cal se poña a disposición das empresas unha contorna de teleformación.

Mancha anunciou a maiores que se crearán oficinas de asesoramento en materia de RSE nas catro provincias galegas a través das cales se desenvolverán actividades de divulgación como charlas, obradoiros telemáticos, encontros con expertos, asesoramento personalizado e actuacións de dinamización con sectores e asociacións.

Elena Mancha incidiu en que este ciclo de webinars son bo exemplo da proactividade da Xunta nesta materia, coa finalizade de transmitir coñecementos prácticos para que as empresas galegas e portuguesas adapten os modelos de negocio en contacto con profesionais con experiencia na materia.  

As pemes xa contaban cunha ferramenta gratuíta de autodiagnose (Xunta pro RSE) que permite avaliar as actuacións en materia socio-laboral, ambiental e económica, seguindo estándares nacionais e internacionais nesta materia. Existe, por outra banda, unha oficina de asesoramento en materia de RSE e un programa (Responsabilízate) que nas dúas edicións de traxectoria permitiu formar a 256 pemes en RSE.

Tras a intervención da directora xeral realizouse unha presentación con todos os detalles, podes consultala nesta ligazón, preme aquí.