A Xunta conta cun grupo de traballo para avaliar e mellorar as medidas de prevención no eido laboral

A Xunta conta cun grupo de traballo para avaliar e mellorar as medidas de prevención no eido laboral Destacado

Imprimir Email
(0 votos)

A Responsabilidade Social Empresarial implica a seguridade dos traballadores, un eido desde o que a Xunta esta a traballar a través da prevención laboral. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, avanzou que a Xunta vén de crear un grupo técnico, xunto cos axentes sociais, para avaliar e incidir en medidas de prevención de riscos naqueles sectores que presentan maiores índices de sinistralidade laboral. É o caso de ámbitos como a construción, a pesca, a industria, o agro, o forestal, os servizos, a xardinería ou os talleres de reparación de automóbiles, entre outros. Mancha destacou as medidas que levará a cabo a Consellería de Emprego e Igualdade en 2021 para contribuír a reducir os accidentes de traballo nun acto de recoñecemento ás empresas galegas polo seu traballo na prevención de riscos laborais nos últimos dez anos organizado por Ibermutua Gallega e no que participou por videoconferencia.

 

“O que pretendemos con este grupo de traballo estritamente técnico e creado a través dun acordo cos axentes sociais no seo do Consello galego de seguridade e saúde laboral é estudar e adoptar políticas de prevención axustadas á realidade para evitar na medida do posible os sinistros laborais”, matizou.

 

Mancha, así mesmo, indicou que ao longo do próximo ano incidirase na comprobación do cumprimento das medidas de protección da maternidade nos centros de traballo, así como nas accións de prevención e hixiene fronte á covid-19 nas empresas galegas, como son, entre outros, a adopción de medidas de ventilación, limpeza e desinfección, a ordenación dos postos de traballo e a organización das quendas, así como as medidas destinadas a garantir a distancia de seguridade interpersoal mínima de 1,5 metros entre os traballadores.