A Xunta impulsa accións para a reactivación económica que ao mesmo tempo consolidan a RSE

A Xunta impulsa accións para a reactivación económica que ao mesmo tempo consolidan a RSE Destacado

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia impulsa proxectos para a reactivación económica da Comunidade a través de diferentes iniciativas que están a desenvolver coa Mesa de Diálogo Social no marco do programa Next Generation e do Plan de rescate para persoas autónomas e microempresas. Accións destinadas a afrontar con garantías a crise sanitaria, reactivar e impulsar a economía e atender ás familias e empresas que están sufrindo máis as súas consecuencias. Todo iso só será posible, tal e como constataron, no marco do consenso cos axentes económicos e sociais, representantes do tecido empresarial e dos traballadores e traballadoras. Toda esta suma de actuacións permiten que desde o ámbito laboral continúan as accións relativas á Responsabilidade Social Empresarial.

Nun encontro que contou coa presenza dos conselleiros de Emprego, Economía e Facenda; María Jesus Lorenzana, Francisco Conde e Valeriano Martínez, respectivamente e que destacou a importancia do dialogo social.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, resaltou, pola súa banda, a importancia que o consenso cos axentes económicos e sociais está a ter para facer fronte ao impacto da covid-19. Considerou que todas e cada unha das medidas aprobadas para facer fronte ao impacto socioeconómico deben realizarse con diálogo e escoita activa aos representantes dos traballadores e do tecido empresarial.

Precisamente o contacto permanente coas organizacións de autónomos e cos representantes do Diálogo Social para facer fronte aos efectos da crise sanitaria foi a dinámica que se segue, lembrou a conselleira, para deseñar o Plan de rescate de persoas traballadoras autónomas e microempresas. O seu departamento perfila os últimos detalles co obxectivo de publicalo no Diario Oficial de Galicia antes de que acabe o mes e empezar canto antes a tramitar as axudas de xeito áxil e sinxelo.

O plan inclúe tres liñas de axudas: para autónomos, para microempresas ou autónomos con persoal contratado e unha urxente para a hostalaría. O obxectivo, sinalou Lorenzana, consiste en apoiar aos empresarios galegos para que poidan manter o emprego e facer fronte aos efectos do cese da actividade, axudándoos neta andaina cara a recuperación. O respaldo da administración ao traballo desenvolvido nestas áreas axuda directamente a que poidan continuar desenvolvendo a Responsabilidade Social no ámbito empresarial e laboral.

A actual situación implica a activación de todos os recursos dispoñibles para dar resposta a este novo reto e sentar as bases da recuperación, na que vai ser clave a consecución dos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Neste ámbito, o conselleiro de Economía sinalou que Galicia presentou unha candidatura solvente e realista; cunha Comisión que vela polo seu correcto desenvolvemento; e sobre todo, cunha vontade de diálogo e integración, tanto dos interlocutores sociais como das empresas implicadas.

Tal e como recordou o vicepresidente económico, trátase duns fondos imprescindibles para impulsar a reactivación económica de Galicia a partir de iniciativas que están aliñadas cos obxectivos que marca Europa.

En total, a proposta inicial conta con 108 proxectos que grazas á colaboración público-privada acadarían un importe de máis de 9400 millóns de euros. Conde animou aos axentes socioeconómicos a colaborar para identificar novas propostas que se inclúan na lista final que se remita ao Goberno para optar aos fondos europeos.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, abordou entre outras cuestións, o límite de gasto non financeiro para 2021 que vén de aprobar o Parlamento galego.