A Xunta ve imprescindible a voz das mulleres galegas para acadar a igualdade

A Xunta ve imprescindible a voz das mulleres galegas para acadar a igualdade

Imprimir Email
(0 votos)

O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá nun encontro telemático do programa Mulleres Protagonistas con varias directivas e enxeñeiras galegas. Nesta sesión, Conde trasladou a firme aposta da Xunta de Galicia por tres piares fundamentais para o novo contexto derivado da crise do COVID-19: conciliación, teletraballo e formación, que son considerados polo goberno galego como a mellor fórmula para compatibilizar a rendibilidade e a competitividade das empresas da comunidade coas condicións de produción e traballo actuais.

Conde apuntou á necesidade de que a reactivación económica se afronte a través dunha escoita activa dos actores implicados, na que para consolidar a igualdade, resulta imprescindible a voz das mulleres. Tamén explicou que a Xunta vai seguir impulsando iniciativas que faciliten a conciliación e o teletraballo, así como plans formativos e de dixitalización. Por último, o Conselleiro tamén destacou a necesidade de que se continúen a activar iniciativas de apoio á igualdade xunto ás medidas que a administración galega está a levar a cabo para apoiar a empresas e familiar e desenvolver protocolos de prevención sanitaria e plans de reactivación económica.

Mulleres Protagonistas é unha iniciativa que naceu co obxectivo de reivindicar o papel da muller no mundo laboral e empresarial e reúne de forma periódica a mulleres de distintos sectores para establecer un diálogo aberto entre a Xunta de Galicia e este colectivo. A sesión celebrada esta mañá estivo centrada nas necesidades que a crise do coronavirus presenta ao colectivo feminino en activo en Galicia e nas medidas que se poden poñer en marcha para ofrecer solucións.