Imprimir esta página
Celebramos o compromiso das empresas galegas na entrega de galardóns dos Premios RSE Galicia

Celebramos o compromiso das empresas galegas na entrega de galardóns dos Premios RSE Galicia

04 Marzo 2020 |

(0 votos)

O Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela acolleu onte a gala de entrega dos Premios RSE Galicia 2019. A través destes galardóns, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en valor o esforzo daquelas empresas que apostan pola responsabilidade social na súa xestión. 

Catro empresas recoñecidas

Como novidade respecto das edicións anteriores, a terceira convocatoria dos Premios RSE Galicia recoñeceu a compañías galegas que entenden a responsabilidade social dunha forma integral, tendo en conta os seguintes criterios: laboral-económico, ambiental e de acción social e  recoñeceu tamén de forma específica as prácticas de Conciliación.

Na categoría de pequena empresa, o recoñecemento foi para Tecalis Innovación, que basea a súa estratexia na excelencia empresarial e o wellbeing corporativo. Medidas de conciliación, horario flexible para todo o seu cadro de persoal, xornada semanal comprimida, posto compartido alternado, teletraballo ou espazos children friendly son algunhas das medidas que a fan merecedora deste galardón. Dentro do seu sector, destacan colaborando con colexios e institutos no fomento das carreiras STEM.

A premiada na categoría de mediana empresa foi Empresa Monforte, entre outras razóns, grazas ao seu desenvolvemento dun código de conduta e dunha canle responsable que permite a prevención ou denuncia de comportamentos irresponsables ou ilícitos. Son tamén unha compañía comprometida co medio ambiente, cunha clara aposta pola redución do consumo enerxético mediante autocares eficientes e menos contaminantes. 

Na categoría de gran empresa obtivo galardón Altia Consultores. Altia é unha empresa que conta con órganos específicos de xestión da responsabilidade social e aposta por un desenvolvemento integral da mesma. Emprego de calidade, formación das persoas empregadas, eficiencia enerxética e igualdade de oportunidades son algúns dos seus puntos clave.

Congalsa recibiu unha Mención á conciliación como empresa que conta cunha xornada laboral intensiva, que facilita o acceso a xornadas de traballo reducidas e ofrece permisos de paternidade ampliados de forma xeneralizada a 16 semanas. Entre as súas medidas máis innovadoras para o fomento da conciliación atópanse a "bolsa de horas", que permite intercambiar as horas extra por tempo de traballo, e un sistema propio chamado "melloras sociais", que facilita o acceso do seu persoal aos servizos de terceiros para a axuda a domicilio de coidado doutras persoas. 

O futuro da RSE en Galicia

Covadonga Toca, Secretaria Xeral de Emprego, felicitou ás empresas premiadas indicando que a RSE é "un elemento diferenciador de empresas, sociedade e administración". Así mesmo, Toca puxo en valor esta materia apuntando que "é un valor engadido" e que "traballar en responsabilidade social empresarial é traballar de forma distinta".

O encargado de pechar a gala desta terceira edición foi o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Calidade e innovación foron os principais aspectos destacados por Conde na súa intervención, que agradeceu ás compañías o seu esforzo por ter a RSE no seu ADN co obxectivo de camiñar conxuntamente cara unha Galicia mellor.