Imprimir esta página
Como podemos mellorar a conciliación nas nosas empresas? Tres sinxelos pasos

Como podemos mellorar a conciliación nas nosas empresas? Tres sinxelos pasos

06 Febreiro 2020 |

(0 votos)

Segundo datos do informe Randstad Employer Brand Research 2019, o equilibrio entre a vida persoal e laboral é o segundo motivo máis importante para que unha persoa decida desenvolver a súa carreira profesional noutra empresa, por detrás do salario. Non é a primeira vez que a conciliación ocupa o segundo posto neste listado, desbancando a outros factores como a estabilidade ou a seguridade laboral.  

Por iso, desde RSE Xunta de Galicia, queremos animarte a que mellores as condicións de conciliación da túa empresa. Non só resultará beneficioso para os traballadores e traballadoras, senón que está demostrado que o equilibrio leva consigo un aumento da produtividade. Aquí tes tres consellos para dar os primeiros pasos no mundo da conciliación:

Flexibiliza o tempo de traballo

Un horario de traballo flexible vai máis alá de ter unha franxa horaria de entrada e saída. Cambios de quenda ou xornadas intensivas son exemplos de medidas que che poden axudar. O que debes ter en conta é que para unha verdadeira conciliación o ideal é a adaptación da xornada laboral ás necesidades de cada persoa. Por suposto, dentro da medida do posible tendo en conta as características da túa empresa e o sector ao que pertence.

Aposta polo teletraballo

A posibilidade de traballar desde a casa é unha medida que cada vez máis se está a facer un oco no noso país. Tanto de forma programada, un ou dous días á semana, como de forma excepcional, é dicir, de forma puntual por necesidade do traballador ou traballadora, o teletraballo ten numerosas vantaxes das que cada vez máis empresas en España e en Galicia se están a beneficiar. Redución de absentismo, redución de gastos, aumento da produtividade e, por suposto, mellora da conciliación, son algúns exemplos dos beneficios que esta modalidade de traballo pode traer á túa empresa.

Respecta o dereito á desconexión dixital

O 30% das persoas en España recoñece que non é capaz de desconectar do traballo cando remata a súa xornada laboral. Por que? Chamadas fóra do horario, a necesidade de rematar algunha tarefa na casa ou o costume de estar mirando constantemente o correo electrónico son as principais razóns. Por iso, intenta que o teu persoal se cinga estritamente ao seu horario laboral e failles entender a importancia de que desfrutar do seu tempo libre non significa que teñan un compromiso menor co seu posto de traballo. 

Axudas para o fomento da conciliación 

Se es unha peme ou unha persoa traballadora autónoma de Galicia, podes solicitar ata o 24 de febreiro as axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon á túa disposición para acadar un emprego de calidade, máis xusto e competitivo

A liña II está dirixida ao fomento da adopción de medidas de corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas. Esta liña de axudas subdivídese á súa vez en tres subliñas:

Subliña 1: Incentivos para o fomento do teletraballo

Subliña 2: Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria

Subliña 3: Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral

A presentación da túa solicitude deberás facela de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.