Imprimir esta página
Publicado o estudo “A evolución demográfica e as implicacións no mercado laboral transfronteirizo”

Publicado o estudo “A evolución demográfica e as implicacións no mercado laboral transfronteirizo”

24 Xullo 2019 |

(0 votos)

As entidades socias do proxecto de Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo (GEMCAT) veñen de publicar o estudo A evolución demográfica e as implicacións no mercado laboral transfronteirizo. Este proxecto está liderado pola Xunta de Galicia e participado polos socios portugueses CIM Alto Minho, a Universidade do Porto e a Cámara Municipal de Braga; e as comunidades autónomas españolas de Castela e León e Estremadura.

Elaborada pola Universidade do Porto, esta publicación é unha radiografía sociodemográfica da Península Ibérica, na que se definen aspectos como unha asimetría da poboación cada vez máis acentuada, así como un forte envellecemento da mesma e a intensa actividade migratoria presente nos dous países: España e Portugal. Así mesmo, inclúense referencias á crecente participación da muller no mercado laboral, o que ten fortes implicacións no desenvolvemento dos territorios.

Ademais desta diagnose da situación actual, o documento contén tamén perspectivas de futuro da evolución da poboación así como das necesidades e oportunidades do mercado laboral. O envellecemento da poboación, o despoboamento das zonas rurais e o illamento esixirán que no traballo do futuro resulte fundamentais a conectividade dixital, a formación continua dos traballadores e a transformación tecnolóxica. 

As conclusións do estudo levaron ás entidades socias do GEMCAT a elaborar unha serie de medidas para contrarrestar os efectos do envellecemento, o despoboamento e o illamento, enmarcadas nos seguintes eixos:

  • Apoio e fomento da promoción da igualdade de xénero e de igualdade de oportunidades, así como de responsabilidade social por parte das empresas e doutras organizacións. 
  • Información e sensibilización  para un emprego de calidade,  igualdade de xénero e de oportunidades.  
  • Desenvolvemento de infraestruturas, equipos e servizos de apoio á promoción dun emprego de calidade. 
  • Apoio ás organizacións que prestan coidados e á cualificación e innovación das súas prácticas.
  • Axudas e incentivos para as persoas e as familias, como axudas para a rehabilitación de inmobles favorecendo o acceso á vivenda. 

O estudo completo está dispoñible de forma pública para a súa consulta e descarga na web do proxecto GEMCAT. Podes descargar tamén o documento detallado das propostas de políticas públicas transfronteirizas nesta ligazón.