Imprimir esta página
As dúas únicas empresas galegas que contan co selo B Corp visitan a oficina da RSE-Innolab

As dúas únicas empresas galegas que contan co selo B Corp visitan a oficina da RSE-Innolab

31 Mai 2019 |

(0 votos)

A RSE-Innolab celebra unha sesión na que recibirá a visita das dúas únicas empresas galegas que ostentan o selo B Corp, as cales innovan para maximizar o seu impacto positivo nas persoas traballadoras, na comunidade e no medio ambiente. É o caso de Conservas Pan do Mar (Vilanova de Arousa) e o coworking Espacio Arroelo (Pontevedra). 

Nesta ocasión, Ignacio Garciano (Conservas Pan do Mar) e África Rodríguez e Eduardo Seisdedos (Espacio Arroelo) compartirán a súa experiencia e exporán o que significa contar con este distintivo. 

A actividade, que forma parte da formación especializada "A xestión da RSE: materia pendente", terá lugar hoxe venres, 31 de maio, ás 16:00 horas. A asistencia é completamente gratuíta e está aberta a todas as empresas de Galicia. 

Selo B Corp

O selo B Corp é unha certificación que garante a misión social e a sustentabilidade organizativa dunha empresa. As compañías certificadas cumpren voluntariamente con elevados estándares sociais e ambientais, e ademais adquiren un compromiso coa transparencia e a medición do seu impacto na sociedade. 

Para contar coa certificación, as empresas deben ser avaliadas en cuestións relacionadas coas cinco áreas seguintes: goberno da compañía, política de protección do medio ambiente, atención aos traballadores, relación coa comunidade e os seus grupos de interese e propósito social da compañía. Deste xeito, valórase de xeito integral á empresa, tendo en conta como é a súa xestión e o seu impacto, para redefinir o concepto de éxito empresarial desde unha óptica positiva e responsable.