Imprimir esta página
Aberta a primeira convocatoria dos Premios Transfronteirizos de Conciliación e Igualdade

Aberta a primeira convocatoria dos Premios Transfronteirizos de Conciliación e Igualdade

27 Marzo 2019 |

(0 votos)

O proxecto GEMCAT "Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo" ten entre os seus obxectivos a incorporación de medidas de igualdade de oportunidades e conciliación laboral e persoal nas empresas, así como medidas de responsabilidade social empresarial. Para acadar tal fin, vén de publicarse a convocatoria dos Premios Transfronteirizos de Conciliación e Igualdade, dirixida ao recoñecemento do labor das empresas que desenvolven iniciativas relacionadas coa xestión do tempo, a flexibilidade e o equilibrio da vida laboral e persoal, así como aquelas dirixidas á participación en igualdade de dereitos de mulleres e homes.

Nesta convocatoria de premios poderán participar todas aquelas empresas con sede no espazo transfronteirizo ou actividade transfronteiriza que desenvolvan actuacións responsables en materia de conciliación e igualdade laboral, e que cumpran os requisitos establecidos no apartado 3 das bases reguladoras

Levaranse a cabo tres edicións da citada convocatoria e, en cada unha delas, serán outorgados 8 premios: dous por cada rexión ou comunidade autónoma (un por modalidade) das que conforman o proxecto GEMCAT. Aquelas empresas que presenten a súa solicitude nesta primeira edición e non resulten premiadas poderán volver a optar aos premios nas convocatorias posteriores.

Categorías dos premios

As empresas solicitantes poderán aspirar aos seguintes recoñecementos:

  • Recoñecemento en materia de conciliación laboral e persoal, no que se premiarán proxectos, medidas ou iniciativas empresariais sobre conciliación laboral que teñan un enfoque destacado na creación de emprego de calidade e na mellora da empregabilidade das persoas traballadoras.
  • Recoñecemento en materia de igualdade de oportunidades, a través do que se premiarán aqueles proxectos, iniciativas ou medidas que contribúan ao recoñecemento da diversidade, a procura da igualdade de oportunidades e a integración social. 

Participación na primeira edición

Todas aquelas empresas interesadas en participar nesta primeira edición deberán realizar a súa solicitude a través do formulario en liña dispoñible na páxina web do proxecto. Opcionalmente, poderán presentala en papel en calquera das entidades socias do proxecto GEMCAT: Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia; Consellería de Emprego da Junta de Castilla y León; Consellería de Educación e Emprego da Junta de Extremadura; CIM Alto Minho; Universidade do Porto e Cámara Municipal de Braga. Xunto con este formulario de solicitude, deberá enviarse por correo electrónico a documentación establecida no apartado 7.2 das bases reguladoras ao seguinte enderezo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Os resultados divulgaranse nunha entrega de premios que terá lugar no vindeiro mes de xuño na Universidade do Porto

O prazo para participar rematará o vindeiro 18 de maio de 2019.