Imprimir esta página
Día Internacional da Muller: construíndo un mundo en igualdade

Día Internacional da Muller: construíndo un mundo en igualdade

08 Marzo 2019 |

(0 votos)

"Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio". Este é o lema elixido este ano para o Día Internacional da Muller, que se celebra hoxe 8 de marzo. Desde que as Nacións Unidas a celebraron por primeira vez en 1975, coincidindo co Ano Internacional da Muller, esta é unha xornada para loitar pola igualdade de xénero e o apoderamento feminino. 

As mulleres no mundo laboral 

Conceptos como fenda salarial ou teito de cristal xa non son alleos no contexto laboral actual. Cada vez máis empresas están a traballar na implantación de medidas para reducir as diferenzas en cuestión de xénero. En concreto, Galicia é unha das comunidades españolas con máis mulleres nos postos directivos (31%) e a taxa de desemprego feminina galega é case tres puntos menor que a estatal.

Pero queda aínda un longo camiño por percorrer. Se falamos de salarios, a terceira edición do informe "Fenda salarial e teito de cristal", realizado polos membros do colectivo de técnicos de Facenda, indica que, de media, as mulleres galegas cobran un 27,5% menos que os seus compañeiros, unha diferenza que ascende aos 4.431 euros anuais. O citado estudo conclúe que, de seguir mantendo o mesmo ritmo de redución, tardaríanse 615 anos en pechar a fenda salarial galega. 

No referente á conciliación e á corresponsabilidade, os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que as mulleres dedican, de media, 26,5 horas semanais a traballo non remunerado, no que se inclúe o coidado dos fillos e persoas maiores ou as labores domésticas. Os homes dedican unha media de 14 horas semanais, o que evidencia que aínda existe unha maior carga de traballo das mulleres unha vez remata a xornada laboral. Pola súa parte, a Organización Internacional do Traballo apuntou recentemente que a diferenza no reparto das tarefas domésticas entre mulleres e homes supón aínda un obstáculo para o emprego feminino e que pechar esta fenda de xénero no traballo non remunerado levaríanos arredor de douscentos anos. 

Unha firme aposta pola igualdade

A Xunta de Galicia está a levar a cabo numerosas iniciativas para garantir que as mulleres galegas alcancen unha posición de igualdade en todos os ámbitos. Un exemplo é a orde recentemente publicada pola que a composición dos organismos de dirección dos centros educativos da comunidade deberá garantir a paridade entre sexos. Con accións como esta, estase a impulsar a presenza das mulleres nos espazos de decisión e liderado en condicións de igualdade. 

Desde este organismo deféndese, ademais, a importancia de visibilizar o talento feminino galego, especialmente naqueles campos nos que as mulleres se atopan infrarrepresentadas, como o sector STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), para impulsar as capacidades das traballadoras e animar ás rapazas das xeracións máis novas a conseguir todo o que se propoñan de cara ao seu futuro profesional.

En RSE Xunta de Galicia queremos aproveitar esta celebración para destacar a importancia de traballar pola igualdade dentro do mundo laboral. Lembramos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria manterá aberto ata o vindeiro xoves, 14 de marzo, o prazo para solicitar as axudas para o fomento da igualdade, e que a nova Estratexia Galega de RSE ten entre os seus obxectivos, o de incrementar nun 25% os plans de igualdade, un documento necesario para eliminar as diferenzas entre mulleres e homes nas empresas. 

Por último, queremos saber se as empresas galegas realizan algunha acción para conmemorar este día ou visibilizar o traballo e as capacidades das súas empregadas. Se é o teu caso, non dubides en compartila connosco no noso banco de ideas.