Imprimir esta página
Publicada a orde de axudas para implantar a responsabilidade social, a igualdade e a conciliación

Publicada a orde de axudas para implantar a responsabilidade social, a igualdade e a conciliación

28 Xaneiro 2019 |

(0 votos)

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abrirá mañá, martes 29 de xaneiro de 2019, o prazo de solicitudes da convocatoria de 2019 do programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial, a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Programa Operativo FSE Galicia 2014 – 2020. Esta convocatoria está recollida na Orde do 20 de decembro de 2018 publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do luns 28 de xaneiro de 2019.

A RSE está cada vez máis presente no tecido empresarial galego e a través deste programa de axudas, a Consellería amosa o seu apoio a este concepto e, en concreto, á igualdade de xénero no ámbito laboral e á corresponsabilidade e á conciliación nos ámbitos laboral, familiar e persoal das persoas traballadoras no ámbito da comunidade autónoma de Galicia. 

Nesta convocatoria poderán ser subvencionables as accións que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2019 e o final do prazo de xustificación das actividades, o cal rematará o 31 de outubro de 2019, agás que, tal e como establece o artigo 35 da citada Orde, na resolución de concesión se indique unha data posterior. 

Tres liñas de axudas

Esta Orde conta cun orzamento total de 1.504.198 euros e estrutúrase en tres liñas:

Liña I: Certificacións de RSE: Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de RSE. Subvencionarase o 80% dos custos que leve consigo o proceso de certificación ou verificación, cun máximo de 3.000 euros por empresa ou grupo de empresas. Accede á súa solicitude a través desta ligazón.

Liña II: Elaboración e implantación de plan de igualdade, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Nesta axuda poderán ser subvencionables os seguintes conceptos, ben xuntos ou por separado: a diagnose da realidade da empresa, a elaboración dun plan de igualdade, a primeira fase de implantación do plan ou a contratación a xornada completa dunha persoa con titulación e experiencia ou coñecementos acreditados en materia de igualdade. Pincha aquí para solicitala. 

Liña III: Comprende á súa vez tres subliñas relacionadas coa conciliación da vida laboral, familiar e persoal. A primeira está relacionada cos incentivos para o fomento do teletraballo. A segunda subliña incentiva o fomento da flexibilidade horaria. E a terceira e última, está dirixida aos investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral. Esta liña consiste nunha subvención de ata o 80% do investimento, e por unha soa vez, cun límite de 10.000 euros por empresa. O importe da axuda verase incrementado nun 10% no caso daquelas empresas cuxa taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina. Solicítaa nesta ligazón.

Requisitos 

Lembramos que as empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, independentemente da súa forma xurídica. Deberán contar con polo menos 6 persoas traballadoras, agás no caso da liña II, que terán que ter un mínimo de 10 persoas traballadoras. Recordamos tamén que no caso daquelas empresas con axencia, sucursal, delegación ou outra representación na comunidade galega, estas deberán ter contratado un mínimo de 8 persoas en Galicia, agás nos plans de igualdade, onde o mínimo aumenta a 10 persoas traballadoras. 

Como xa se indicou anteriormente, as entidades sen ánimo de lucro e as entidades públicas non poderán beneficiarse desta convocatoria. Tampouco se concederán axudas a empresas ou grupos empresariais que fosen beneficiarios en anos anteriores polos mesmos conceptos. No caso da liña III, non serán outorgadas axudas a empresas que xa fosen beneficiarias pola cantidade máxima subvencionable nas convocatorias pasadas. 

Presentación e prazo

As solicitudes das diferentes liñas deberán realizarse por separado, sempre por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para a presentación manterase aberto durante 45 días naturais.