Imprimir esta página
A Xunta aposta polo traballo en prol da consecución da igualdade nas empresas galegas

A Xunta aposta polo traballo en prol da consecución da igualdade nas empresas galegas

25 Xaneiro 2019 |

(0 votos)

Esta mañá tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación da Guía de boas prácticas en materia de igualdade para a negociación colectiva, desenvolvida polo Consello Galego de Relacións Laborais a través da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva. Este documento, así como o seu estudo previo, establecen unha serie de recomendacións para avanzar cara unha igualdade real e efectiva no ámbito laboral de Galicia. 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, participou na inauguración deste acto poñendo de manifesto o papel desta guía como un “punto e aparte” que nos permitirá establecer obxectivos concretos e metas realistas que nos permitan avanzar neste concepto. Conde sinalou, ademais, que é imprescindible xerar unha cultura de igualdade dentro do eido empresarial e traballar pola inclusión das mulleres no mundo laboral. Así mesmo, o conselleiro destacou os resultados acadados na nosa comunidade respecto do emprego feminino, posto que Galicia presenta uns mellores resultados que os de nivel estatal, cunha taxa de paro feminino case 3 puntos menor.

Pola súa parte, a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martinez Barbero, indicou que esta guía ten o obxectivo de servir de base para a non discriminación no tecido empresarial galego, como un instrumento útil nas mesas negociadoras das empresas. 

A Guía de boas prácticas en materia de igualdade para a negociación colectiva recolle recomendación para o establecemento de medidas para a igualdade efectiva de mulleres e homes no ámbito laboral e recomendacións para a negociación dos plans de igualdade. Tamén contén información adicional sobre a materia, como un listado de preguntas frecuentes sobre os plans de igualdade ou exemplos reais de boas prácticas. Todas aquelas persoas interesadas na lectura e estudo da mesma, poden descargala a través desta ligazón.

Estudo previo

O acto incluíu a presentación do traballo previo á guía, o Estudo sobre a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva na comunidade autónoma de Galicia, o cal posúe tres finalidades principais: identificar as discriminacións, tanto directas como indirectas, existentes nos convenios colectivos; sinalar exemplos de boas prácticas e salientar as accións positivas que xa fosen implementadas na comunidade. 

Experiencias prácticas

Trala presentación da guía, o evento rematou coa exposición de experiencias na negociación colectiva por parte de representantes sindicais e empresariais. Mediante unha mesa redonda, tratáronse temas como a situación actual respecto á transparencia salarial e a implantación de medidas de non discriminación ou a importancia do cumprimento por parte das empresas dos plans de igualdade.