A Xunta de Galicia premiará ás empresas que entendan a RSE dunha maneira integral

A Xunta de Galicia premiará ás empresas que entendan a RSE dunha maneira integral

Imprimir Email
(0 votos)

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o Decreto 135/2018, do 4 de outubro, polo que se regulan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia). Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria dálle un novo enfoque a estes galardóns e a partir da próxima convocatoria premiará ás empresas que entendan e practiquen a responsabilidade social empresarial dun xeito integral.  

Esta nova regulación substitúe á anterior e elimina a valoración por modalidade, suprimindo as catro existentes ata o momento: social, económico, ambiental e conciliación e igualdade. Polo tanto, recoñecerase a labor daquelas empresas da comunidade que asuman a RSE en todas as súas dimensións. 

Segundo o artigo 4 do citado decreto, os recoñecementos dos Premios RSE Galicia serán os seguintes: 

  • Premio á Responsabilidade Social Empresarial, no que se valorará a actuación integral das empresas así como as actuacións nos ámbitos laboral-económico, ambiental e de acción social. 
  • Mención á conciliación, a través da que se distinguirá a unha empresa pola súa labor no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal, independentemente do seu tamaño. 

Os aspectos establecidos no artigo 4 concretaranse na orde de cada convocatoria. As futuras convocatorias e bases de participación dos Premios RSE Galicia publicaranse no Diario Oficial de Galicia e serán anunciadas na web rse.xunta.gal