Imprimir esta página
Slow-fashion: a industria da moda demostra como pode ser respectuosa e responsable

Slow-fashion: a industria da moda demostra como pode ser respectuosa e responsable

13 Setembro 2018 |

(0 votos)

Despois do petróleo, a moda é actualmente o segundo sector máis contaminante do mundo. Pero esta industria está a traballar para mellorar no plano ambiental e contribuír nunha maior medida á economía circular. 

As multinacionais e grandes empresas da moda presentan cada vez máis iniciativas sustentables que amosan a preocupación pola contorna e o interese por reducir a súa pegada ambiental. Fibras non biodegradables como o poliéster deixan paso a telas fabricadas con materiais máis sustentables nun intento de reducir a velocidade do fast-fashion ou moda rápida. Ademais, os procesos de fabricación estanse adaptando para un maior coidado do planeta, con tecnoloxías que permiten o aforro de auga e enerxía. 

Moda sustentable galega

En Galicia, a multinacional Inditex destaca neste ámbito coa súa liña Join Life, na que emprega materiais naturais como o algodón orgánico, fibras recicladas ou o tencel. Este último procede da pulpa de madeira e é obtido a través dun proceso de fabricación completamente ecolóxico e con baixo impacto ambiental. Ademais, para poder incluír unha prenda baixo a denominación Join Life deberá ser elaborada nunha fábrica cuxo funcionamento se alimente de enerxías renovables e estar fabricada con procesos e tecnoloxías que permitan o aforro de auga. 

Pero no tecido empresarial galego a sustentabilidade está presente tamén en empresas moito máis pequenas que este xigante da moda. Nos últimos anos foron nacendo iniciativas empresariais que desde o momento da súa fundación comparten esta filosofía de moda sustentable ou slow-fashion e promoven a responsabilidade e o coidado do planeta. É o caso de Latitude, unha firma pioneira en Galicia en falar de moda sustentable, que entende a sustentabilidade e a ética non só no relacionado co medio ambiente, senón que abarca todo o proceso de fabricación das prendas cunha produción de proximidade e condicións laborais axeitadas.

Outro exemplo en na comunidade é Xiro, unha empresa que fabrica e comercializa pantalóns vaqueiros fabricados con algodón orgánico e tinguidos con tintas de baixo impacto ambiental, que levan a certificación GOTS, a cal garante que as prendas estean fabricadas cun mínimo dun 70% de fibras orgánicas e que os colorantes empregados cumpren cuns requisitos ambientais e toxicolóxicos. E para os nenos, cómpre destacar a filosofía de Mimico Kids, que deseña e comercializa prendas éticas e responsables confeccionadas con algodón orgánico e fibras recicladas que axudan a reducir o consumo de auga. 

Desde RSE Xunta de Galicia queremos destacar a importancia de que firmas como estas axuden a que a industria galega sexa máis responsable e respectuosa co futuro do planeta. Se es unha empresa do sector téxtil e queres ser máis responsable, recorda que tes á túa disposición a Guía RSE para o sector téxtil nesta ligazón. E se xa levas a cabo algunha iniciativa respectuosa co medio ambiente, non dubides en compartila connosco no noso banco de ideas