Case 11.000 traballadores da Xunta de Galicia desfrutan de medidas de conciliación

Case 11.000 traballadores da Xunta de Galicia desfrutan de medidas de conciliación

Imprimir Email
(0 votos)

Segundo os últimos datos publicados pola Xunta de Galicia, un total de 10.694 traballadores deste organismo público estanse a beneficiar das súas políticas de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Isto supón un incremento durante o primeiro semestre de 2018 de 416 persoas respecto aos datos rexistrados en decembro do ano pasado. 

Destes case 11.000 empregados, 9.334 acóllense ás medidas de flexibilidade horaria automática, onde é preciso manter un horario fixo de presenza diaria de 09:00 a 14:30, cunha banda horaria flexible de entrada entre 07:30 a 09:00 e a posibilidade de saír entre as 14:30 e as 18:30. O resto, por motivos de conciliación, desfrutan dunha franxa de traballo permitida entre as 07:30 e as 18:30, salvo naqueles casos que sexa necesario establecer unha franxa obrigatoria. 

Mediante o emprego das novas tecnoloxías, a Xunta ofrece a opción de teletraballo, permitindo realizar as tarefas fóra das súas dependencias, sempre que o posto o permita, polo que destacan fundamentalmente asesores xurídicos, corpos de inspección, tradutores e informáticos, así como outros postos que permiten unha grande autonomía. Case 300 persoas traballan mediante esta modalidade non presencial, das que un 67,90% pertencen aos servizos centrais. 

Desde RSE Xunta de Galicia queremos recordar a importancia que as medidas de conciliación teñen nas organización e empresas, sen importar a súa natureza ou tamaño. Ademais, neste momento estase a traballar desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria para difundir a responsabilidade social entre o tecido empresarial galego para que os traballadores da comunidade desempeñen as súas funcións nas mellores condicións posibles.