Imprimir esta página
A Xunta abre a solicitude das axudas para implantar a RSE, a igualdade e a conciliación

A Xunta abre a solicitude das axudas para implantar a RSE, a igualdade e a conciliación

29 Mai 2018 |

(0 votos)
  • O orzamento total desta orde de axudas ascende a 1.314.102 euros
  • O prazo para presentación de solicitudes remata o 28 de xuño

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para a solicitude das axudas para implantar a responsabilidade social empresarial, a igualdade e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e recollidas na Orde do 11 maio de 2018 publicada no Diario Oficial de Galicia do luns 28 de maio. 

Debido ao papel cada vez máis importante da responsabilidade social empresarial dentro do tecido empresarial galego, esta axuda ten o obxectivo de promover a mesma entre as empresas da comunidade e cumpre co recollido na Axenda 20 para o Emprego da Xunta de Galicia, que ten o reto de acadar un emprego de calidade. Así mesmo, algunhas liñas desta axuda atópanse baixo o eixe temático 8 do programa operativo do Fondo Social Europeo, destinado a promover a sustentabilidade e calidade no emprego, na súa prioridade de investimento 8.4, dedicada á igualdade, a conciliación e a corresponsabilidade. 

Tres liñas de axudas

A orde recolle tres liñas de axudas:

  • Liña I: Subvención da obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de RSE. A contía da axuda será o 80% dos custos que inclúa o proceso cun máximo de 3.000 euros por empresa ou grupo de empresas. 
  • Liña II: Subvenciónase a elaboración e a implantación de plans de igualdade. Procederase ao pagamento do 80% dos custos, cun máximo de 1.500 euros nas empresas de ata 20 empregados, e un máximo de 3.000 euros nos demais supostos. 
  • Liña III: Divídese en tres subliñas relacionadas coa conciliación laboral, familiar e persoal. A primeira delas incentiva a adopción de acordos laborais de teletraballo. A segunda subliña incentiva a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria. A últimas delas subvenciona a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo. 

No caso da Liña III, as axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora, co límite máximo de 12.000 euros por empresa. No caso de que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina, este incentivo incrementarase en 1.000 euros. No caso da terceira subliña, as axudas subvencionarán ata o 80% do investimento co tope de 1.500 euros por persoa traballada beneficiada co límite máximo de 5.000 euros por empresa. Esta axuda pódese ver incrementada un 10% naquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina. 

Requisitos para solicitar as axudas

As empresas solicitantes poderán ser pemes, micropemes ou persoas autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea e que conten con domicilio social e centro de traballo en Galicia. Estas empresas deberán estar validamente constituídas no momento de presentar a solicitude e deberán contar cun mínimo de 5 persoas traballadoras. Ademais, tamén poderán presentar a súa solicitude aquelas empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia, que deberán ter contratado un mínimo de 8 persoas na nosa comunidade autónoma. 

A efectos destas axudas teñen consideración de pemes aquelas empresas con menos de 250 persoas, cuxo volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral anual non pase dos 43 millóns de euros. Para determinar o número de traballadores na empresa, terase en conta o número de persoas traballadoras por conta allea no momento da presentación da solicitude. 

No caso de grupos de empresas ou empresas vinculadas, só poderá presentar a solicitude unha única empresa e só se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro. Non se outorgaran axudas a aquelas empresas ou grupos que xa foron beneficiarios anteriormente, e tampouco poderán ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro nin as entidades públicas. 

Na Liña II, os solicitantes deben ser empresas que implanten dalgunha forma voluntaria un plan de igualdade nos termos erixidos para os plans legalmente obrigatorios ou ben empresas que implanten un plan de igualdade en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. 

Na Liña III non se concederán axudas ás empresas que foron beneficiarias da cantidade máximo subvencionable en convocatorias anteriores. 

Presentación de solicitudes

A solicitude pode facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e o prazo para a presentación das mesmas comeza hoxe e rematará o 28 de xuño de 2018.