Imprimir esta página
A Xunta impulsa a implantación da RSE en Galicia coa nova edición de Responsabilízate
Foto: Xornada de divulgación organizada o ano pasado

A Xunta impulsa a implantación da RSE en Galicia coa nova edición de Responsabilízate

19 Febreiro 2018 |

(0 votos)
  • Aberta a inscrición para participar na segunda convocatoria do programa
  • A primeira edición acadou un grande éxito con 130 empresas participantes

A Secretaría Xeral de Emprego, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, acaba de abrir o prazo de inscrición para participar na segunda edición do Programa Responsabilízate, mediante o que se prestan servizos de tutela para implantación da responsabilidade social empresarial no tecido empresarial galego e ofrecerlles un valor engadido, e unha vantaxe competitiva, para os seus negocios.

O obxectivo é incorporar na estratexia de negocio das empresas prácticas de bo goberno voluntarias -no ámbito laboral, social, ambiental e económico-, así como unha xestión ética e sustentable, compatible co obxectivo financeiro tradicional e a obtención do máximo beneficio.

Ábrese esta nova convocatoria tras concluír, con grande éxito, a primeira edición, na que unhas 130 empresas das catro provincias galegas melloraron a súa xestión tras formarse e definir o seu primeiro plan de RSE.

Requisitos

Tal e como se establece nas bases reguladoras, poderán presentar a súa solicitude as pequenas e medianas empresas (pemes) e autónomos con polo menos unha persoa traballadora por conta allea ao seu cargo, e domicilio social en Galicia ou algún centro de traballo na comunidade.

Todos os interesados en formar parte desta segunda edición de Responsabilízate deberán solicitar a súa participación de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia

A selección das empresas participantes farase por orde de entrada no Rexistro da Secretaría Xeral de Emprego e o prazo para recepción de solicitudes permanecerá aberto ata alcanzar o máximo número de prazas segundo a dispoñibilidade orzamentaria desta convocatoria.

Beneficios de Responsabilízate

O programa Responsabilízate inclúe os seguintes servizos:

• Diagnose do estado e potencial de RSE, para o cal se empregará a plataforma XUNTA PRO-RSE.

• Programa de formación na materia.

• Definición dun plan de RSE específico e axuda na implantación das primeiras acción do mesmo.

 

Bases reguladoras 2ª edición Responsabilízate (DOG) >> 

Sede electrónica >>

Coñece as empresas da 1ª edición de Responsabilízate. Le as entrevistas >>