Conde pon de exemplo a Entrepinares por combinar innovación con compromiso social

Conde pon de exemplo a Entrepinares por combinar innovación con compromiso social

Imprimir Email
(1 Votar)
  • Destaca que Galicia aposta por empresas que, ao igual que Entrepinares, promovan o emprego de calidade, a formación continua dos seus traballadores e a igualdade
  • A Xunta traballa con diferentes ferramentas para levar a RSE a todos os eidos do tecido empresarial como as axudas para implantar este modelo de xestión, plans de igualdade e melloras de conciliación das que se beneficiaron este ano 150 firmas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou onte en Vilalba Queserías Entrepinares, galardoada cun premio RSE 2016 no eido social na categoría de grande empresa por promover o emprego de calidade, apostar pola formación continua dos seus traballadores e polo seu esforzo a favor da igualdade cun 49% de mulleres no cadro de persoal desta planta lucense.

O leite que Queserías Entrepinares utiliza se recolle en gandarías próximas as súas fábricas o que supón traballar con 150 gandeiros. Destaca, ademais, polo seu traballo coa I+D+i para seguir crecendo, mellorando os procesos e os seus produtos e polo seu compromiso co medio ambiente no tratamento da auga que usa. Conde, ademais, puxo en valor a visión clara da empresa coa inserción laboral das persoas con capacidades distintas, xa que 22 persoas con discapacidade traballan no grupo Entrepinares, dúas na planta de Vilalba.

O titular de Economía sinalou que a Xunta aposta por este tipo de modelos empresariais que combinan innovación con calidade e un compromiso social e medioambiental, xa que son claves para fortalecer a economía dun país de xeito sustentable e crear emprego de calidade. Conde explicou que o Goberno galego está a traballar para levar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) a todos os eidos do tecido empresarial galego, xa que explicou que apostar pola RSE significa “traballar nunha imaxe de marca da empresa supoñendo un elemento reputacional”.

Expuxo, así mesmo, as diversas ferramentas coas que conta a Administración autonómica para impulsar a RSE como son as axudas para a súa implantación, para a execución de plans de igualdade e melloras de conciliación, das que se beneficiaron este ano 149 empresas, a maior parte pemes, principalmente, as de menor tamaño.

O conselleiro avanzou que os orzamentos de 2018 seguen apostando por esta liña de apoios cun total de 1,6 millóns de euros para que Galicia siga sendo pioneira a nivel nacional na súa aposta pola RSE. En palabras de Conde, a RSE é clave para que empresas como Entrepinares medren e sexan un exemplo para o resto do tecido empresarial. Outros programas da Xunta neste eido é o Grupo de Representación Empresarial galego e iniciativas de divulgación como Responsabilízate.

 


Xunta de Galicia
Turismo de Galicia
agario