A guía Emprega Saudable busca mellorar a saúde das empresas galegas

A guía Emprega Saudable busca mellorar a saúde das empresas galegas

Imprimir Email
(0 votos)

Na actualidade, as empresas non son só lugares nos que desempeñar unha profesión. Trátase tamén de espazos nos que as persoas desenvolven capacidades persoais, relaciónanse e pasan gran parte do tempo. Por iso, é crecente a tendencia de facer dos espazos de traballo lugares máis amables e participativos. Numerosos estudos demostran que potenciar un bo ambiente laboral permite obter beneficios, non só para a persoa traballadora senón tamén para a empresa. Neste sentido, fomentar ámbitos de traballo saudables permite mellorar, en último termo, a eficiencia das empresas.

Tendo en conta esta premisa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publica a guía “Emprega saudable”, para axudar ás organizacións a que dispoñan dunha guía práctica e dun conxunto de diferentes accións para conseguir mellorar as contornas laborais do territorio galego.

A guía define o concepto de organización saudable para as empresas galegas, de forma que poidan ter unha imaxe do antes e o despois, como indicador do impacto positivo destas prácticas. Grazas á implementación de prácticas saudables nas empresas lógrase incrementar o número de persoas empregadas satisfeitas en Galicia, potenciar contornas de traballo saudables e conseguir, en definitiva, que se reduzan os índices de absentismo, baixas e accidentes laborais.

Contido da guía

A guía inclúe un contido introductorio a través do cal se define que é unha contorna de traballo saudable, os seus beneficios e a relación coas prácticas de responsabilidade social das empresas. O contido da guía xira ao redor de dez áreas de actuación dentro da empresa, comúns á maioría de organizacións empresariais, grazas ás cales se poderá coñecer en que grao o espazo de traballo é saudable e como se poden potenciar tanto as habilidades persoais como profesionais. Esas dez áreas son estratexia e compromiso da dirección; implicación das persoas e comunicación; responsabilidade social; medición da saúde e o benestar; redución do tabaquismo; fomento da actividade física; impulso á alimentación saudable; actuacións en saúde; control da tensión e riscos psicosociais, e compromisos e certificacións

A sección de boas prácticas do documento inclúe unha ampla listaxe de recomendacións para que as organizacións poidan desenvolver accións necesarias para xerar unha contorna de traballo máis saudable. En cada un dos dez temas inclúense as directrices xerais para que se xestione ese tema dentro da organización, así como exemplos de empresas e organizacións galegas que xa aplican boas prácticas neste sentido.

Por último, a guía inclúe un anexo máis con casos reais de empresas comprometidas coa saúde e o benestar laboral, así como a Declaración de Luxemburgo, o documento no que se establecen os principios básicos de actuación e o marco de referencia dunha boa xestión da saúde das persoas traballadoras na empresa e ao que se pode adherir calquera organización que o desexe.

Realización dun autodiagnóstico 

Para axudar ás organizacións que queiran autoevaluar o estado de saúde da súa organización, a guía inclúe un cuestionario de avaliación. A modo de test, de rápida resposta, poderase coñecer que necesidades en materia de saúde laboral e benestar non están cubertas en cada empresa. Este test pode ser respondido igualmente a través do cuestionario en liña dispoñible na web de RSE Xunta de Galicia, que de forma automática facilitará unha valoración. Ademais, a persoa que realice este autodiagnóstico recibirá a resposta a través do seu correo electrónico xunto á guía "Emprega saudable", de maneira que poderá pasar á acción de forma inmediata para mellorar o estado de saúde da súa empresa.

 


Xunta de Galicia
Turismo de Galicia
agario