Xeración Responsable achega a RSE aos mozos e mozas galegos

Xeración Responsable achega a RSE aos mozos e mozas galegos

Imprimir Email
(0 votos)
  • A iniciativa forma parte da campaña Enterprise 2020 liderada por Forética en España.
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como obxectivo explicar a responsabilidad social aos máis novos.
  • Esta semana impártense diferentes talleres prácticos en catro centros de educación de Galicia.

Xeración Responsable é o proxecto posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para achegar o concepto da RSE aos estudantes de Galicia. A iniciativa pretende traducir a linguaxe actual da RS nunha linguaxe accesible e integrada na formación dos mozos e mozas. O proxecto emprega o potencial das novas tecnoloxías e das redes sociais para crear comunidade e converter a RS en valores e conceptos comprensibles e atractivos para a mocidade.

Nesta primeira proba piloto seleccionáronse catro centros de educación secundaria das catro provincias galegas para impartir talleres 100% prácticos. Durante esta semana de novembro, expertos na materia de responsabilidade social desenvolverán as xornadas nos centros IES Urbano Lugrís da Coruña (luns 13 de novembro), o IES 12 de Outubro de Ourense (martes 14 de novembro), o IES Muralla Romana de Lugo (mércores 15 de novembro) e o IES Frei Martin Sarmiento de Pontevedra (xoves 16 de novembro). 

As sesións formativas, adaptadas a niveis de secundaria, bacharelato e formación profesional, teñen unha duración de 50 minutos e baséanse en facer reflexionar aos estudantes a partir de preguntas sobre innovación, xénero, emprego, sustentabilidade, inclusión social e responsabilidade social. Estes temas non se adoitan tratar nos institutos e, en cambio, son conceptos cun alto potencial para ser explicados. Así, pódese comezar a xerar unha maior conciencia sobre o impacto na sociedade das decisións que se toman diariamente.

Con esta experiencia inicial, a Consellería coñecerá de primeira man as inquedanzas, opinións e visión da mocidade sobre os temas que están desenvolvendo actualmente as grandes empresas, pemes e entidades sociais.

Mocidade e RS

Se ben a responsabilidade social comeza a impartirse a nivel universitario e escolas de negocio, con mestrados ou materias específicas nalgúns graos, a realidade é que non é un asunto transversal neste eido académico. É importante facer chegar o concepto da RS á mocidade pois, segundo o manifestado pola Comisión Europea, os mercados laborais están evolucionando de forma moi rápida e é probable que nos traballos do futuro se requiran niveis máis altos e unha combinación diferente de habilidades, competencias e cualificacións, incluído o coñecemento da RSE.

Un proxecto Enterprise 2020

Xeración Responsable forma parte dos 73 poxectos da campaña Enterprise 2020, unha iniciativa europea liderada en España por Forética que pon foco nas habilidades para o emprego. 

A Xunta de Galicia é un dos socios institucionais da campaña, xunto co Ministerio de Emprego e Seguridade Social, outros gobernos autonómicos (Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, Illas Baleares, La Rioja, Comunidade de Madrid, Murcia e Comunidade Valenciana) e o Cabildo de Tenerife.