A segunda fase do programa Responsabilízate xa está en marcha

A segunda fase do programa Responsabilízate xa está en marcha

Imprimir Email
(1 Votar)
  • Un total de 127 empresas galegas participaron na primeira fase
  • Na segunda fase reciben asesoramento para a elaboración do plan de acción 106 empresas

O programa da Responsabilízate, posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, comezou a mediados de xullo a súa segunda fase, consistente na elaboración do plan de acción de RSE e implantación das primeiras medidas.

A iniciativa Responsabilízate pretende acompañar e formar ás pemes na integración da RSE no seu modelo de negocio. Un total de 127 empresas galegas beneficiáronse da primeira fase do programa, na que se realizou unha diagnose do estado en responsabilidade social empresarial e unha formación semipresencial, con sesións formativas grupais nas catro provincias galegas e unha plataforma en liña con 3 módulos centrados na RSE, competitividade e reputación. 

Finalizada a primeira parte, un total de 106 empresas participan na seguinte fase, que rematará a finais deste ano. Os obxectivos desta segunda fase de Responsabilízate son fortalecer o compromiso da empresa coa RSE, sentar as bases para xerar unha dinámica de diálogo habitual e continuado cos grupos de interese, claridade e concisión na elaboración do plan de acción de RSE, garantir un plan con continuidade no tempo e adecuado á realidade da empresa e activar ferramentas de comunicación da RSE.

Nas vindeiras semanas as empresas traballarán, xunto cos asesores, no seu plan de acción de RSE. Así, realizarán a recompilación de información e o diálogo cos seus grupos de interese para organizar o plan ao redor destes e de tres dimensións de actuación: económica, social e ambiental. Unha vez identificados os obxectivos e accións asociadas, axudaráselles a priorizar as accións segundo a súa urxencia, viabilidade, garantía e importancia. Ademais, distinguirase entre accións a longo e curto prazo e escolleranse algunhas destas últimas para implantar no marco do programa Responsabilízate.

 


Xunta de Galicia
Turismo de Galicia