A Xunta avoga pola RSE para incrementar a competitividade das empresas e favorecer as condicións laborais

A Xunta avoga pola RSE para incrementar a competitividade das empresas e favorecer as condicións laborais

Imprimir Email
(1 Votar)
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou onte na Coruña na clausura do VIII Congreso Internacional sobre Felicidade no Traballo
  • Destaca que as políticas de emprego do Goberno galego se centran en impulsar a xeración dun traballo estable e de calidade a través da Axenda 20
  • Toca sinala que a Xunta é pioneira a nivel nacional na aposta firme pola divulgación da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para sensibilizar á sociedade e ao tecido industrial
  • Economía, Emprego e Industria ultima un novo plan estratéxico da RSE que será un acordo marco sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para facilitar unha actividade económica equilibrada
  • Toca explica que a Administración autonómica conta con apoios económicos e programas de asesoramento, formación e difusión en RSE
  • Pon en valor o novo plan Emprega en Feminino da Administración autonómica para impulsar a incorporación da muller ao mercado laboral con 100 millóns ata 2020

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou onte na Coruña na clausura do VIII Congreso Internacional sobre Felicidade no Traballo, que organiza a Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas (Aedipe) en colaboración coa Xunta e a Fundación Barrié, onde salientou que o Goberno galego está apostando de xeito decidido pola Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para incrementar a competitividade das empresas e favorecer as condicións laborais dos traballadores e traballadoras para que sexan as mellores posibles.

Sinalou que a Xunta, para iso, está dirixindo todas as súas políticas activas de emprego ao impulso da xeración dun traballo estable e de calidade a través da Axenda 20 destacando, neste eido, a importancia da implantación da RSE. Neste senso, indicou que a Administración autonómica galega é pioneira a nivel nacional nunha aposta firme pola divulgación da RSE co obxectivo de sensibilizar á sociedade e ás empresas.

No ámbito da RSE, apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está ultimando unha nova estratexia en RSE que se converterá nun acordo marco sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e que promoverá unha negociación colectiva de medidas de RSE, igualdade e conciliación. “O éxito e o benestar dunha sociedade é inseparable da responsabilidade social das súas empresas”, engadiu a secretaria xeral.

Deste xeito, o plan que está elaborando a Xunta nesta materia pretende facilitar ás entidades públicas e privadas o desenvolvemento da súa actividade de forma equilibrada económica, ambiental e socialmente. Segundo Toca, xestionar empresas rendibles de forma ética xera maior produtividade, lealdade ao cliente, acceso a mercados e credibilidade.

Na futura estratexia reforzaranse moitas das medidas que xa está levando a cabo o Goberno galego en materia de RSE como son programas de apoio económico e de asesoramento, formación e difusión ou mentoring mediante iniciativas específicas en colaboración co Grupo de Representación Galego en RSE formado por 14 grandes empresas líderes no tecido empresarial galego.

Entre as axudas coas que conta a Xunta para impulsar a RSE destacan os incentivos para impulsar a implantación de sistemas de xestión socialmente responsables, plans de igualdade laboral e medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral nas pemes e micropemes galegas. A esta actuación, o Goberno galego destina este ano máis de 800.000 euros, un 36,2% máis que en 2016.

Economía, Emprego e Industria dispón, ademais, de guías específicas de RSE para diferentes sectores e ofrece ás pemes a ferramenta gratuíta Xunta Pro RSE, que lles permite facer un diagnóstico neste campo e facilita a elaboración de memorias de sustentabilidade. Así mesmo, Galicia, a través da Rede Transrexional de Impulso á RSE, formada tamén por Tenerife, Navarra, Estremadura e a rexión de Vale do Minho, en Portugal, está levando a cabo un programa formativo orientado a directivos de pemes, estudos e elaboración de guías.

Toca, ademais, lembrou que a Xunta activou este mes de xuño Emprega en feminino, un novo programa que, con 100 millóns de euros ata 2020, busca desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral. Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional, o seu desenvolvemento, a igualdade na empresa, e o apoio ao emprendemento.

Para rematar, Toca salientou a importancia de seguir desenvolvendo iniciativas como o Congreso Internacional de Felicidade no Traballo, unha cita que promove a mellora dos contornos laborais a través da divulgación de investigacións rigorosas, prácticas empresariais innovadoras e experiencias inspiradoras no ámbito da dirección e o desenvolvemento de persoas.