Imprimir esta página
O Selo de Horarios Racionais acreditará as empresas que concilian

O Selo de Horarios Racionais acreditará as empresas que concilian

18 Mai 2017 |

(1 Votar)

ARHOE - Comisión Nacional para la Racionalización de los Horarios Españoles e TÜV Rheinhand Ibérica presentaron o seu Selo Horarios Racionais (SHR), a través do que se recoñecerán aquelas empresas que decidan participar activamente na consecución de obxectivos como a produtividade, a competitividade e a conciliación.

"A consecución destes obxectivos por parte da organización promove a xeración de valor económico e social e a creación de empregos de calidade", apuntou José Luis Casero, presidente de ARHOE. El tamén destaca o carácter profesional desta certificación e o seu compromiso coa produtividade e a conciliación a través dun sistema de xestión formado por medidas de racionalización do horarios, do tempo e dos espazos, apoiada en accións de liderado innovadoras. "O SHR é voluntario pero, sen dúbida, útil para as organizacións grandes e pequenas que implantan estratexias de RSE e precisan facelo de xeito progresivo e efectivo", afirma Casero, quen subliña que "o selo é para empresas que entenden a conciliación como dereito fundamental e estratéxico para a mellora da produtividade e do clima laboral"

Requisitos do selo

A iniciativa trata de demostrar que "conciliar é rendible". Para conseguir o Selo de Horarios Racionais hai que cumprir unha serie de requisitos: aplicación de políticas que faciliten a conciliación, facer chegar estas a todos os empregados, acompañalas con campañas de sensibilización entre o persoal e establecer un sistema de comunicación bidireccional onde os traballadores poidan explicar as súas expectativas neste campo. O presidente de ARHOE recorda que "estas medidas son aplicables a todos os traballadores, non só aos que teñen fillos. Tamén se teñen pais con necesidades de coidados". 

Os beneficios para as empresas que conten co selo de ARHOE, que auditará TÜV Rheinhand Ibérica, son a mellora do clima laboral, a redución do absentismo e das baixas laborais, o maior compromiso coa empresa e a redución dos custos das horas extras.

Pódese consultar máis información nesta ligazón.