A Xunta convoca axudas para implantar a RSE, a igualdade e a conciliación nas pemes e autónomos

A Xunta convoca axudas para implantar a RSE, a igualdade e a conciliación nas pemes e autónomos

Imprimir Email
(0 votos)

O Goberno galego destina máis de 800.000 euros, un 36,2% máis ca en 2016, a impulsar a implantación de sistemas de xestión de RSE, plans de igualdade e medidas de  corresponsabilidade e de conciliación da vida persoal e laboral entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas. O prazo para solicitar as axudas remata o 5 de xuño, inclusive.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) do mércores 3 de maio a Orde do 12 de abril de 2017 pola que se establecen as bases do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial, a igualdade e conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, procedendo á súa convocatoria para o ano 2017. 

Co obxectivo de fomentar a RSE e, en concreto, a modalidade da igualdade de xénero no ámbito laboral e a corresponsabilidade e a conciliación, o Goberno galego pon en marcha este programa de axudas que dá cumprimento ao recollido na Axenda 20 para o Emprego da Xunta de Galicia, que ten entre os seus retos acadar un emprego de calidade, para o cal a cultura empresarial da RSE xoga un papel fundamental. As axudas para este ano increméntanse nun 36,2% con respecto ao ano anterior, superando os 800.000 euros.

Tres liñas de axudas

A Orde establece tres liñas de axudas:

Liña I. Implantación da RSE. Subvenciónase o 100% dos custos do proceso de obtención de certificacións ou de informes de validación de códigos de conduta, normas ou estándares de RSE. Outorgarase un máximo de 2.500 euros por empresa.

Liña II. Implantación de plans de igualdade. Subvenciónase a obtención de certificacións de plans de igualdade expedidos polo Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Farase un pagamento de 2.000 euros por empresa. 

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Esta divídese en tres subliñas. Na primeira, incentívase a adopción de acordos laborais de teletraballo por períodos non inferiores a un ano. Na segunda subliña, incentívase o establecemento de medidas de flexibilidade horaria, tales como sistemas de compensación de días e horas, xornada continua ou permisos especiais. As axudas nestes dous casos consisten nun incentivo de 3.000 euros por persoa beneficiada, cun límite máximo de 12.000 euros por empresa. A cantidade incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas onde a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Finalmente, a terceira subliña subvenciona ata o 80% a adquisición de elementos tecnolóxicos físicos que posibiliten o teletraballo. Outorgaranse 1.500 euros por persoa, cun máximo de 5.000 euros por empresa. A axuda incrementarase nun 10% para aquelas empresas onde a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina. 

Requisitos das solicitantes

As bases establecen os seguintes requisitos para os beneficiarios, que varían en función da liña de axudas:

  • As empresas solicitantes da liña I (RSE) poderán ser pemes, micropemes ou persoas traballadoras autónomas, con domicilio social e centro de traballo en Galicia.
  • As empresas solicitantes da liña II (igualdade) e III (conciliación) poderán ser pemes, micropemes ou persoas traballadoras autónomas, calquera que sexa a súa forma xurídica, cun mínimo de 6 traballadores por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia.*
  • Na liña II non se concederán as axudas a aquelas empresas que xa foran beneficiarias en anteriores convocatorias e na liña III non se concederán no caso de que recibiran a cantidade máxima subvencionable en 2016.
  • As empresas TIC non poderán beneficiarse das subliñas 1 e 3 da liña III.
  • As empresas non poden superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou deben contar cun balance anual inferior a 43 millóns de euros.
  • Non poden ser entidades sen ánimo de lucro nin entidades públicas.
  • As solicitantes han atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

Prazo e presentación de solicitudes

As solicitudes poden facerse a través da sede electrónica ata o 5 de xuño. Poderán financiarse as accións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2017. No DOG do 3 de maio de 2017 pode completarse toda a información en canto a requisitos e documentación a presentar. 

Consulta de dúbidas

Para máis información no relativo a plans de igualdade o correo de contacto é Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. e o teléfono 881 997 381. En canto á RSE e conciliación, o contacto é Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou o número 981 957 744.

 

*Nota: A día 19 de maio de 2017 sae publicada no DOG a corrección de erros con respecto a este punto do programa de axudas.