Ferrol concentrou o debate sobre seguridade laboral e saúde

Ferrol concentrou o debate sobre seguridade laboral e saúde

Imprimir Email
(0 votos)

O Campus de Esteiro de Ferrol acolleu esta semana as XVI Xornadas Galegas sobre Condicións de Traballo e Saúde que, desde hai 30 anos e con carácter bienal, organizan a Asociación de Graduados Sociais de Ferrol e a Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña co apoio da Xunta de Galicia. Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego, quen inaugurou a xornada do pasado martes, sinalou que a Xunta está ultimando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020, unha folla de ruta que está enmarcada na Axenda 20 para o Emprego. Tamén incidiu na importancia de acadar “unha verdadeira implantación da prevención dos riscos laborais nos centros de traballo” facéndoa extensiva a toda a sociedade. 

Sinistralidade e absentismo laboral

O programa de tres días de duración incluíu relatorios con expertos da Universidade, os sindicatos, a empresa e a Administración. Os participantes afondaron na seguridade e saúde no traballo a través de diferentes temáticas, como a produtividade, as reformas laborais e o emprego xuvenil, o diálogo social ou a tecnoloxía ao servizo da prevención. Tamén houbo tempo para abordar o ámbito das empresas saudables que apostan pola responsabilidade social, un paso máis aló de cumprir coa obrigatoriedade da prevención de riscos laborais.

Os temas máis comentados nestes días foron a sinistralidade e o absentismo laboral, así como a relación coa produtividade das empresas. O decano da Facultade de Ciencias do Traballo da UDC, José Luis López, aportou cifras preocupantes de sinistralidade laboral: "Cada día morren dúas persoas no noso país por accidente laboral". España ocupa o terceiro posto en Europa en número de accidentes laborais. O decano apostou por "promover a cultura da seguridade, tanto na empresa coma na escola". Para avanzar en seguridade no traballo, Ramón Górriz, secretario de acción sindical de CCOO, apuntou que é preciso "recuperar dereitos, revalorizar salarios e fortalecer a negociación colectiva".

Estas xornadas contan coa participación de responsables de diversas mutuas. É o caso de Javier Flórez, director de Mutua, quen dedicou a súa charla ao absentismo laboral. Indicou que este supón un custo de case 76 millóns de euros. Flórez explicou que "Galicia é a comunidade onde dura máis un proceso de incapacidade temporal: 51 días, 13 máis cá media nacional". Segundo o experto, para mellorar a xestión da incapacidade, é preciso recoñecer ás mutuas a capacidade para emitir altas médicas e un maior control das irregularidades no cobro de subsidios. 

O traballo desde o ISSGA

Tal e como sinalou a secretaria xeral de Emprego na xornada inaugural, o Goberno galego incrementou este ano o orzamento e as actuacións de promoción e impulso da prevención de riscos laborais que leva a cabo o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), así como o control do cumprimento das obrigas preventivas que se realizan en coordinación coa Inspección de Traballo. Así, o orzamento destinado a reducir a sinistralidade e impulsar a calidade no emprego aumentou este ano nun 6%, ata chegar aos 7,5 millóns de euros. Así mesmo, estase reforzando a actividade inspectora en materia de seguridade e saúde laboral con máis de 7.200 actuacións.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou o último día das xornadas o plan de actividades do ISSGA para o ano 2017. As actuacións do ISSGA teñen como obxectivos, entre outros, a formación e prevención de riscos laborais nas pemes e a investigación dos accidentes de traballo

A responsable do ISSGA destacou o traballo conxunto cos interlocutores sociais nas políticas de prevención. É o caso da actividade do Observatorio Galego de Condicións de Traballo, os programas de redución da sinistralidade nas empresas e nos sectores de maior risco ou colectivos especialmente sensibles. O ISSGA tamén leva a cabo unha importante oferta formativa, e participa en grupos de estudo e investigación, ademais de promover e sensibilizar mediante campañas e colaboracións con colectivos e entidades no eido da seguridade no traballo. Conta tamén coa Escola Galega de Prevención, para inculcar desde nenos o valor da prevención. 

Así, na semana na que se conmemora o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo (28 de abril), Ferrol converteuse no centro de debate sobre prevención de riscos laborais no tecido empresarial galego.