"O plan de acción RSE é un novo par de lentes para ver as accións da empresa como xeradoras de valor", Tomás Sercovich

"O plan de acción RSE é un novo par de lentes para ver as accións da empresa como xeradoras de valor", Tomás Sercovich

Imprimir Email
(0 votos)

No marco de Responsabilízate, programa impulsado pola Xunta de Galicia co fin de facer do galego un tecido empresarial máis responsable, eficiente e competitivo, celebráronse unhas xornadas formativas que contaron coa participación de Tomás Sercovich, director de Relacións Externas de Forética. Con catorce anos de experiencia no asesoramento a compañías en RSE, actualmente está centrado en sociedades internacionais, desenvolvendo redes de coñecemento en sustentabilidade empresarial. Con el falamos sobre Responsabilízate, as tendencias actuais no eido da responsabilidade social e as claves para integrar a RSE na xestión de negocio.

A Xunta de Galicia puxo en marcha o programa Responsabilízate no que participan máis de cen empresas. Como valora esta iniciativa?

É un programa moi positivo por varias razóns. A principal é o feito de enfocarse en pequenas e medianas empresas, a base do tecido empresarial, da creación de emprego e da innovación. Outro punto forte é que non se trata de crear unha guía ou organizar un evento máis. É un programa acoutado, específico e dirixido, cunha serie de intervencións ao longo do tempo. É un bo reflexo do compromiso da Administración galega coa RSE. Un último punto a destacar sería o traballo que se fará na segunda fase de Responsabilízate sobre aspectos concretos e sobre o relevante para cada empresa. 

Onte participou na primeira das sesións formativas de RSE no marco do programa. Como percibiu o nivel das empresas participantes?

O que me impresionou foi a cantidade de empresas asistentes pero, sobre todo, que un director financeiro ou de RRHH, por exemplo, lle dedicase catro horas do seu tempo a esta actividade, o que reflicte o nivel de interese. En canto á percepción da implantación da RSE nesas empresas, había un público variado, o que é un reflexo do que pasa en España. Á hora de facer os exercicios nos que pedimos que identifiquen accións para mitigar o impacto danse conta de que contan con medidas aínda que non soubesen que eran RSE.

Os asistentes ás xornadas puideron coñecer as tendencias en sustentabilidade. De cales estamos a falar a grandes trazos?

Podemos falar de catro tendencias. A primeira é a xestión integrada. Outra é a preocupación polo medio ambiente e o cambio climático. Sempre dicimos que un dos elementos máis destacados do Cume do Cambio Climático de París foi o feito de que houbese tantas empresas como países e que se están buscando oportunidades de negocio. Unha terceira tendencia sería a mellor internalización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Por último, relacionado con investidores, está a articularse mellor o retorno que ten o investimento socialmente responsable.

Como adaptar estas tendencias de sustentabilidade e RSE á realidade empresarial galega?

Trátase de facer repensar á empresa o que está a facer e facerlle entender que unha tendencia xeopolítica afastada pode ter consecuencias na súa actividade. En canto ao cambio climático, que pode parecer un tema abstracto e afastado, estes días démonos conta falando con varios participantes en Responsabilízate que non o é. As empresas teñen que adaptarse, por exemplo, tecnoloxicamente. A peme é o gran motor comercial e está moi capacitada para internalizar esas tendencias de responsabilidade social.

Comentaba que unha tendencia é partir dos ODS para realizar un plan de acción RSE. Cal é o cambio con respecto a outros modelos?

O papel catalizador que teñen os ODS é que, por primeira vez, están a ofrecer unha linguaxe común que poida entender unha empresa, a administración e a sociedade. O informe da Comisión sobre Empresa e Desenvolvemento Sostible describe as 60 oportunidades de negocio que hai na economía de desenvolvemento sostible. En canto ao enfoque do aliñamento na estratexia, existe unha ferramenta, SDG Compass, que axuda á empresa para realizar unha análise de materialidade tendo en conta os ODS.

Un dos obxectivos de Responsabilízate é que as empresas participantes realicen o seu plan de acción de RSE. Nestas sesións as empresas identifican as liñas xerais deste plan. Considera que é fácil detectalas sexa cal for o nivel de coñecemento?

Eu creo que si. A clave non era utilizar o esquema coa maior exactitude senón ser capaz de traducilo ao seu contexto. Trátase de identificar as áreas relevantes e saber que os obxectivos marcados cúmprense moitas veces a través da RSE. O plan de acción non é unha nova estrutura senón un novo par de lentes para ver as accións da empresa doutra forma, como xeradoras de valor. 

 


Xunta de Galicia
Turismo de Galicia