As empresas participantes no programa Responsabilízate da Xunta comezan a súa formación

As empresas participantes no programa Responsabilízate da Xunta comezan a súa formación

Imprimir Email
(0 votos)

Un total de 130 pemes galegas participan no programa Responsabilízate, posto en marcha pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia. Tras unha diagnose do estado inicial de cada unha das empresas feita por unha persoa experta en responsabilidade social, as empresas participantes comezaron coa formación na materia para contar coa preparación que lles permita, xa nunha segunda fase, elaborar un plan de acción de RSE 

A fase de formación para as pemes dá comezo con catro sesións formativas que se desenvolven por toda Galicia e que contan coa participación do experto en RSE e sustentabilidade Tomás Sercovich, director de Relacións Externas de Forética. Onte celebrouse a primeira en Santiago para as empresas da área de influencia da capital galega. Hoxe celebrarase a xornada en Ourense e Vigo e mañá xoves en Lugo. 

María Coutinho, subdirectora xeral de Relacións Laborais, foi a encargada de inaugurar a xornada. Tras a benvida institucional, Tomás Sercovich comezou a súa charla formativa falando dos desafíos e tendencias da sustentabilidade. Estas céntranse na atención aos millenials e aos traballadores en xeral, no big data, na innovación de produtos e marcas e no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Con respecto a estes, o experto comentou que "hai que ter en conta que a actividade da empresa pode ter impactos positivos para a consecución dos ODS".

Na segunda parte da intervención, o director de Relación Externas de Forética centrouse na definición da RSE, como un aspecto voluntario que vai máis aló da normativa (na sección "Que é a RSE" da nosa web pódese consultar máis información ao respecto), así como nos requisitos que deben cumprir os plans de acción de RSE. Finalmente, na sesión abordouse a comunicación da materia e a realización de memorias de sustentabilidade.

Actividades prácticas

Os responsables das empresas participantes tiveron a oportunidade de realizar diversas actividades para comezar a poñer en práctica a teoría explicada na sesión. Así, puideron identificar o impacto material das tendencias de RSE no seu negocio e pensar na forma de incorporalas na estratexia empresarial. 

Ademais, os asistentes foron convidados a describir as liñas xerais do plan de RSE, establecendo uns obxectivos medibles e os seus impactos. "A idea era que tiverades unha estrutura base que se adapte á vosa empresa. Este bosquexo é unha semente para o futuro plan de acción que realizaredes", concluíu Sercovich. 

 


Xunta de Galicia
Turismo de Galicia
agario