A Xunta expón en Madrid os proxectos que o Goberno galego está a impulsar para fomentar a RSE

A Xunta expón en Madrid os proxectos que o Goberno galego está a impulsar para fomentar a RSE

Imprimir Email
(0 votos)

• A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou na xornada organizada polo Ministerio de Empleo y Seguridad Social, onde destacou que o Goberno galego é pioneiro a nivel nacional na aposta pola RSE.

• Economía, Emprego e Industria traballa no marco da Axenda 20 nun novo Plan Estratéxico de RSE.

• Toca indicou que as empresas que implantan políticas de RSE son máis competitivas e desenvolven produtos e servizos de maior valor.

• Sinalou que un dos obxectivos do Goberno galego é trasladar á mocidade formación en RSE.

A Xunta participou onte no I Encontro de Responsables de RSE da Administración Territorial organizada polo Ministerio de Empleo y Seguridad Social, onde a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, expuxo os proxectos que o Goberno galego está a impulsar para fomentar a Responsabilidade Social Empresarial entre o tecido empresarial. Na xuntanza de traballo as comunidades autónomas compartiron as súas experiencias neste eido co obxectivo de seguir avanzando na súa implantación.

Toca destacou que a Xunta aposta de xeito decidido pola aplicación da RSE nos procesos produtivos e nas políticas sociais da empresa, lembrando neste último eido que Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar “un verdadeiro emprego estable e de calidade”. Foi en 2012 unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico de RSE.

Na actualidade, no marco da Axenda 20, a Xunta está a traballar nun novo Plan Estratéxico nesta materia que será “un acordo marco sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e que promoverá na negociación colectiva medidas de RSE, igualdade e conciliación”.

A secretaria xeral indicou que as empresas que implantan políticas de RSE son máis competitivas e desenvolven produtos e servizos de maior valor, ao tempo que sinalou que un dos obxectivos do Goberno galego é trasladar á mocidade formación en RSE para concienciar aos máis novos da importancia da RSE para crear as bases dun emprego de calidade.

En materia de RSE, a Consellería de Economía, Emprego e Industria conta, ademais, segundo sinalou Toca, co programa Responsabilízate, unha iniciativa dirixida a pequenas e medianas empresas de xeito gratuíto para impulsar a implantación da RSE ofrecéndolles un servizo de titorización para a diagnose, formación e posta en marcha dun plan neste ámbito.

A Xunta, así mesmo, presta neste ámbito apoio económico ás empresas e leva a cabo programas de divulgación e orientación, así como de asesoramento e formación e mentoring mediante programas específicos en colaboración con grandes empresas. Conta tamén cos Premios RSE Galicia como recoñecemento público ás iniciativas e boas prácticas das empresas galegas.

Toca recordou que a Xunta tamén traballa a nivel europeo neste campo lembrando, ao respecto, que o proxecto en materia de RSE Xeración Responsable da Xunta foi o pasado ano seleccionado para participar na iniciativa europea Enterprise 2020 xunto con outras 50 propostas para o fomento do emprego centrado na mocidade. Economía, Emprego e Industria xa participou na anterior convocatoria desta campaña co proxecto Start up, Start up, co que se puxeron en contacto a novas empresas, start ups, con estudantes de másteres en materia de RSE.

Observatorio RSE

Galicia dispón, ademais, do Observatorio RSE que investiga e publica informes anuais sobre a aplicación da RSE nas empresas galegas. O último informe, do ano 2016, conclúe que as empresas galegas teñen un grado de coñecemento medio sobre a RSE e que asumen cada vez maiores responsabilidades sociais e ambientais. O estudo, que se realizou en base a unha mostra formada por 540 empresas, indica que máis do 63% das compañías avalían os impactos sociais, ambientais ou económicos da súa actividade. Por tamaño, as grandes empresas destacan en todos os aspectos analizados: a definición dunha política de RSE, a existencia dun código ético, a presenza dunha persoa ou departamento de RSE, a medicación de impactos sociais, ambientas e económicos e a formación.

En definitiva, Toca avogou no I Encontro de Responsables de RSE da Administración Territorial por fortalecer o impulso da RSE nas pemes para aumentar a súa competitividade e lembrou que as empresas con éxito son aquelas que unen o seu crecemento económico ao benestar social.

 


Xunta de Galicia
Turismo de Galicia