As empresas galegas asumen máis responsabilidades sociais e ambientais

As empresas galegas asumen máis responsabilidades sociais e ambientais

Imprimir Email
(0 votos)

• Así se desprende do informe do ano 2016 que o Observatorio Permanente da RSE de Galicia vén de publicar.

• Máis do 63% das empresas avalían os impactos sociais, ambientais ou económicos da súa actividade.

• Por tamaño, as grandes empresas destacan en todos os aspectos analizados.

O Observatorio Permanente da RSE de Galicia, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, acaba de publicar o duodécimo informe de resultados correspondente ao ano 2016. O estudo realizouse en base a unha mostra formada por 540 empresas, 101 máis ca en 2015, e máis adaptada á realidade empresarial galega, sendo o 68,8% das enquisadas micro e pequenas empresas.

Segundo este último informe, o grao de coñecemento da RSE nas empresas galegas sitúase no 2,62 de media (nunha escala do 0 ao 5), sendo as grandes empresas as que presentan un maior grao de coñecemento (3,57). 

Implantación da RSE 

Para coñecer o grao de implantación na empresa, o estudo analiza diferentes parámetros: a definición dunha política de RSE, a existencia dun código ético, a presenza dunha persoa ou departamento de RSE, a medición de impactos sociais, ambientais e económicos e a formación. Un 25,19% das empresas conta cunha política de RSE definida. Son as grandes empresas as que sobresaen neste aspecto (59,2%) así como na súa documentación (87%).

Por outra parte, un 15% das empresas dispón dunha persoa responsable en RSE e un 10,7% participou nalgún curso sobre a materia. Ademais, un 40,75% das empresas afirma contar cun código ético e un 63,7% ten en conta a medición dos impactos sociais, ambientais ou económicos, sendo o eido ambiental polo que amosan maior preocupación.

Cómpre sinalar que a modernización dos sectores económicos esixe un novo enfoque nas políticas de recursos humanos, pois a RSE aplicada aos empregados incrementa a produtividade dos mesmos. Neste senso, un 53% das empresas afirma adoptar medidas para favorecer a conciliación, sendo a flexibilización dos tempos de traballo o mecanismo máis utilizado (50%). Ademais, un 31% tamén desenvolve accións para lograr unha maior satisfacción do persoal. Destas, sobresae a racionalización de horarios (79%).

No relativo aos provedores, o 39% das empresas posúe unha política de priorización segundo criterios ambientais e sociais, destacando as grandes empresas da construción. Cabe destacar outro dato relevante: o 62,6% colabora cos seus provedores na mellora dos produtos ou servizos.

En canto á relación cos clientes, o 63,3% das empresas conta cun servizo de atención personalizada.

Respecto pola contorna

Como diciamos, a ambiental é unha das cuestións que máis preocupa ás empresas galegas. Así, o 81% coñece a lexislación que afecta á súa actividade e o 37% dispón de indicadores para medir o seu impacto ambiental. Ademais, un 41% de empresas conta con normas e estándares relacionados co medio. Ao igual ca en informes anteriores, a norma ISO 14001 é a certificación máis empregada (81,8%).

No que respecta á comunidade, as empresas galegas comezan a asumir máis responsabilidades sociais. Así, o 40% delas realizan accións a favor do desenvolvemento social. Destaca o apoio ás accións doutros colectivos (57,4%); exposicións, publicacións, eventos deportivos ou festas (51,3%) e mecenado cultural (48,2%).

O reto: concienciar sobre a RSE

Por primeira  vez, o estudo incorpora unha investigación cualitativa coa realización de  cinco entrevistas en profundidade. O obxectivo era coñecer a opinión das empresas para poder deseñar desde a Administración instrumentos que melloren a aplicación da RSE no tecido empresarial galego. As respostas coinciden na necesidade de sensibilizar sobre a responsabilidade social así como visibilizar a súa rendibilidade. 

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emprego, vén desenvolvendo nos últimos anos diferentes accións para concienciar as empresas sobre a importancia de implementar a RSE na súa estratexia de negocio. Un exemplo son as diferentes xornadas temáticas que se organizan co fin de comunicar as vantaxes da RSE; as axudas anuais para o fomento da igualdade e a conciliación ou, actualmente, o desenvolvemento do programa Responsabilízate, grazas o que  máis de cen empresas reciben asesoramento e formación, así como todas as facilidades para contar cun plan de acción de RSE personalizado.